A deputada Patricia Otero cre que unha persoa co historial de infraccións do presidente da Deputación de Ourense non pode estar á fronte dunha institución pública
28 de abril de 2023. A deputada do grupo socialista Patricia Otero volveu a reclamar este venres a dimisión de José Manuel Baltar logo de saber que foi pillado por Tráfico conducindo a 215km/h cun coche da Deputación de Ourense, e preguntou cal é a débeda que ten Alfonso Rueda con el para non obrigalo a dimitir.
Patricia Otero volveu a reclamar a asunción de responsabilidades ante un feito “gravísimo” ao poñer “en serio risco a seguridade de todos os demais usuarios da vía” ao ir a unha “velocidade altísima”. Considera que “alguén que se salta deste xeito as normas de seguridade viaria non pode estar ao fronte dunha institución pública”.
Apuntou directamente ao presidente da Xunta, xa que asegura que no entenden por que non lle pide a dimisión ao presidente da Deputación, o que lles leva a preguntarse aos socialistas “que lle debe Rueda a Baltar” ou se non ten autoridade suficiente no partido para obrigarlle a deixar a presidencia do organismo provincial.
A responsable de infraestruturas no grupo socialista non deu por válidas as explicacións de Baltar, que nun comunicado cualificou a infracción que pode ser constitutiva de delito como un “despiste”. Otero entende que é “unha escusa”, máis aínda despois de coñecer que ten máis de dez multas por exceso de velocidade, polo que esta actitude ao volante é o seu “modus operandi”.
Xa cando se tivo constancia da infracción, tanto o PSdeG de Ourense, o portavoz parlamentario Luis Álvarez, como a portavoz parlamentaria de Xustiza, Paloma Castro, esixiron a dimisión de Baltar ou que Rueda lle obrigara a abandonar o seu posto. Agora, Otero insiste hoxe en que “unha persoa co seu historial” non pode estar á fronte dunha institución pública, xa que non da ningún exemplo.