O portavoz do grupo socialista, Luis Álvarez, esixiu hoxe nunha rolda de prensa no Parlamento que Rueda rectifique a súa política en atención primaria, e que se fixe nas propostas do PSdeG de cara a reverter un colapso que denuncian directamente os colectivos profesionais, sendo o último o colectivo de médicos de Pontevedra, co que empraza ao goberno galego a restablecer as relacións.
O representante dos socialistas no Parlamento de Galicia comentou distintas iniciativas que levarán ao pleno desta semana, co foco posto nos asuntos de actualidade, pero tamén no campo das políticas públicas competencia do goberno autonómico.
Un deses aspectos de actualidade ven derivado da polémica campaña da Xunta polo 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, para a cal, dende o goberno galego lanzouse uns carteis moi criticados ao centrarse na muller agredida, trasladando medo a un gran número de mulleres, que así o expresaron a través de colectivos e redes sociais, do mesmo xeito que se manifestaron as responsables desta área na executiva do PSdeG, e no grupo parlamentario.
Ante isto, Luis Álvarez esixiu á Xunta que “rectifique e pida desculpas se ten algo de respcto polas vítimas”, destacando que esta campaña é “impropia do século XXI”, ao poñer o foco nas mulleres agredidas e non no agresor, para evitar estes comportamento.
Ao fío disto, anunciou que pedirán no pleno que se ratifique o compromiso na loita contra a violencia de xénero, o compromiso para a renovación do Pacto de Estado contra a Violencia Machista, un plan de avaliación das medidas da Xunta no marco deste pacto e a implementación dos 4 centros de atención 24 horas ás vítimas de violencia machista.
Tamén destacou cara o pleno unha interpelación pola situación da atención primaria, un asunto que “sempre está de actualidade”, esta vez polo corte de relacións, acompañado dunha dura crítica, por parte do colectivo médico de Pontevedra á Consellería de Sanidade. Luis Álvarez esixiu a Rueda que se deixe de imitar as escusas doutras comunidades autónomas e se poña a buscar solucións ante o “colapso” que non deixa de avanzar.
Incidiu en que “non somos os socialistas quen denuncia os problemas da sanidade galega, son os profesionais” quen amosa que está ao límite e son totalmente contrarios á actitude de Comesaña. Emprazou a Rueda a facer caso das recomendacións do PSdeG e facer todo o posible por restablecer as relacións e reverter a situación.
Tamén anunciou que a súa pregunta ao presidente na sesión de control tratará sobre as medidas para a cohesión social, xa que Álvarez considera preocupante o aumento na desigualdade que afecta a tódolos ámbitos, dende o acceso á propia sanidade, o acceso á dependencia e as prazas de residencias de maiores, acceso á educación, na fenda salarial entre homes e mulleres ou nos servizos públicos na Galicia despoboada.
Resaltou tamén que levarán unha proposición non de lei para que se estableza en toda Galicia, con todos os medios necesarios para elo, o programa “madrugadores”, para favorecer a conciliación e poder deixar aos cativos nos centros escolares antes da hora de inicio das clases.