Begoña Rodríguez Rumbo denuncia o “abandono” a unha comarca que sofre unha “sangría demográfica” e leva máis de 20 anos agardando polas promesas do PP
A vicevoceira do grupo socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, esixiu este mércores á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade que inicie os trámites para a construción do tramo da Autovía da Costa da Morte que debe conectar Baio con Berdoias, cumprindo así as “promesas incumpridas” do seu partido dende hai máis de 20 anos.
A parlamentaria socialista levou á cámara galega as inquedanzas e reclamacións da comarca da Costa Atlántica, especialmente no relativo á falta de infraestruturas que a conecten e revertan a “sangría demográfica” que sofren, xa que perderon 6.988 habitantes dende o 2009, máis xente da que vive na vila de Vimianzo.
Tras expoñer brevemente o transcurso dos feitos no relativo a esta autovía, dende o anuncio de Fraga no 2002 tralo afondamento do Prestige, pasando pola licitación do tramo de Carballo a Berdoias por parte do goberno de Touriño, un contrato que foi rescindido por Feijóo, e cambiado por unha nova licitación onde se elixiu a oferta máis alta, que case dobraba o custe inicial e que recibiu unha denuncia da segunda candidata nesa licitación.
Rodríguez Rumbo chegou tras este percorrido á situación actual, na que máis de 20 anos despois non está rematada esta infraestrutura “esencial” para a comarca e o tramo de Baio a Berdoias está pendente de levarse a cabo debido a que o executivo de Feijóo “perdoou” a execución destes 15 quilómetros á empresa no ano 2013.
A representante socialista cre que o “nulo resultado” desta actuación é atribuíble á “falla de xestión e falla de aposta por esta comarca” da conselleira de Infraestruturas Ethel Vázquez e do goberno galego no seu conxunto.
Recordando as propias declaracións da conselleira que consideraba que “ninguén entendería que a autovía da Costa da Morte non chegase ata Fisterra”, ao fío do que exixiulle á mesma que “cumpra coas súas promesas” e escoite aos alcaldes e alcaldesas da comarca presentes na tribuna.
Seguiron dende a tribuna do salón plenario a sesión o secretario xeral dos socialistas galegos e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e ata oito edís da comarca e algúns dos concelleiros dos municipios que a conforman.
Estes eran José Marcote, alcalde de Fisterra, Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo, Sandra Ínsua, alcaldesa de Camariñas, Margarita Lamela Louzán, alcaldesa de Cee, Manuel Ínsua, alcalde de Corcubión, Iago toba, alcalde de Muxía, Juan Manuel Saborido, alcalde de Carnota e José Manuel Pequeño, alcalde de Dumbría.