Gonzalo Caballero advirte da “gravidade” do sucedido e recorda que os socialistas xa denunciaran a falta de persoal deste centro no Parlamento
Santiago, 6 de agosto de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, esixiu á Xunta que asuma a responsabilidade tralo falecemento dun home no PAC da Estrada sen asistencia médica e reclamoulle que rectifique as súas políticas.
Trátase, segundo recalcou o líder dos socialistas galegos, duns feitos “moi graves” dos que teñen que derivarse “explicacións oficiais” sobre os motivos polos que non había persoal facultativo abondo no centro a pesares das reclamacións dos socialistas.
E é que, despois de amosar o seu pesar por este falecemento, Gonzalo Caballero recordou que esta falta de recursos humanos xa fora denunciada polos socialistas tanto no Parlamento como no concello da Estrada.
“É un exemplo da falta de aposta pola sanidade pública da dereita”, censurou o secretario xeral, quen puxo o foco en que, á vista do tamaño da Estrada, tanto por número de habitantes como por dispersión, debería ter un segundo equipo médico.
Neste escenario, os socialistas galegos rexistrarán iniciativas para esixir explicacións á Xunta, para que detalle cantos médicos están traballando durante o período estival nos distintos PAC e centros de saúde e para que se corrixa a situación.