Marga Martín reclama que se chegue ata o final e se aclare o ocorrido, para o que o Grupo Socialista rexistrou unha batería de iniciativas no Parlamento
A secretaria de Políticas Sociais da Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG, Marga Martín, esixiu este sábado á Xunta de Galicia que abra unha “investigación inmediata” sobre as supostas filtracións das datas nas que se realizarían inspeccións, realizadas dende a Consellería de Política Social ás empresas que xestionan centros de maiores.
Os socialistas reaccionan así ao comunicado que denunciaba os feitos realizado por AGISS (Asociación Galega de Inspectores e Inspectoras de Servizos Sociais) e que se publicou esta mesma semana.
A tamén deputada electa no Congreso dos Deputados pola provincia de Ourense advirte de que de confirmarse o obxecto da denuncia sería “un feito gravísimo”, polo cal demanda que se poñan todos os medios necesarios para que “se chegue ata o final e se aclare radicalmente o que está a pasar”, alegou.
A gravidade do sucedido para Martín, radica en que “é o goberno galego o que ten a responsabilidade de velar pola seguridade, a saúde e o benestar dos nosos maiores, especialmente dos máis vulnerables, é o que debe garantir o bo funcionamento destes centros residenciais”, apuntou a responsable socialista.
Advertiu tamén de que “xa non é a primeira vez que se denuncian feitos parecidos” e recordou que “cando se produciron as investigacións pertinentes sobre o funcionamento das residencias durante a pandemia do Covid, a Xunta de Galicia se puxo do lado das empresas e non dos residentes e as súas familias”.
Así mesmo, queren aproveitar para denunciar a fotografía da situación da dependencia en Galicia, en especial destes centros de maiores. Marga Martín destacou que segundo un informe da Asociación de Directoras e xerentes de Xeriátricos de 2021 que analiza datos do IMSERSO, a comunidade autónoma galega ten a peor porcentaxe en canto a prazas públicas, o 41% respecto do 62% do conxunto do Estado.
Ademais, a deputada electa advirte de que unha gran parte das consideradas como prazas públicas están xestionadas por empresas privadas mediante diversos mecanismos de privatización.
O PSdeG ven de rexistrar as iniciativas parlamentarias pertinentes no Parlamento de Galicia, da man da deputada responsable da área, Marina Ortega. Para buscar, segundo asegurou Marga Martín, “aclarar os feitos” e esixir a asunción das “correspondentes responsabilidades”, sen descartar “que non se poidan abordar outras vías de actuación máis alá das meramente institucionais” de confirmarse os feitos denunciados.