Lage Tuñas reúnese co presidente da entidade lingüística, que lle traslada o documento coas 12 propostas que pretenden incorporar na axenda dos concellos
O secretario de organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, reuniuse co presidente de AGAL, Eduardo Maragoto, para encontrar puntos comúns de cara a impulsar as relacións culturais e económicas de Galicia co norte de Portugal e o mundo lusófono.
Nun encontro no que tamén participaron a portavoz de cultura do grupo socialista, Noa Díaz, e a responsable de cultura no concello de Santiago, Mercedes Rosón, intercambiaron impresións coa asociación que defende o reintegracionismo da lingua galega no tronco común do galego-portugués.
Ambas organizacións coincidiron na necesidade de desenvolver e darlle contido á Lei Paz Andrade, que foi aprobada por unanimidade no Parlamento no ano 2014. Esta normativa que chegou á Cámara como iniciativa lexislativa popular, promove estreitar as relacións de Galicia coas distintas comunidades lusófonas aproveitando os lazos lingüísticos que se comparten con elas.
Eduardo Maragoto trasladoulle ao PSdeG o documento coas 12 propostas que presentan nesta campaña de municipais aos distintos grupos políticos, que camiñan neste mesmo sentido. As medidas que propoñen desde AGAL tocan distintos ámbitos, pero teñen o fin último de impulsar as relacións económicas e culturais, así como de garantir a supervivencia da lingua galega.
Remarcou que as propostas terán que adaptarse ás “particularidades” dos concellos, xa que hai algúns como o de Santiago que xa están traballando neste sentido. Dividen o seu documento entre as iniciativas do ámbito “institucional”, do “turismo” e da “lingua”.
Un aspecto interesante que queren destacar é o de favorecer distintos encontros entre institucións galegas e portuguesas, como vehículo de aprendizaxe cruzado. Como se pode observar, a liña marcada pola asociación, que encontra o respaldo do PSdeG, é a de “promover o diálogo político e cultural” entre Galicia e o mundo lusófono, especialmente o norte de Portugal.