O coordinador dos socialistas galegos no Congreso chama ao BNG a reconsiderar a súa postura “obstrucionista” e a “sumar” coas forzas de progreso
Santiago, 29 de novembro de 2020. O coordinador dos socialistas galegos no Congreso, Guillermo Meijón, destacou hoxe que os orzamentos xerais do Estado “benefician a Galicia” e “repercuten directamente na metade dos galegos e das galegas”, entre pensionistas, traballadores e estudantes.
Por iso, requiriu o apoio de todas as forzas progresistas, especificamente o BNG, para estas contas en plena crise do coronavirus.
“Un partido que pretende definirse como útil para Galicia non pode instalarse no non permanente”, subliñou Meijón, quen recordou o non do BNG á Comisión de Reconstrución, ás recomendacións do Pacto de Toledo e á Lei de Educación, así como a emenda á totalidade aos orzamentos.
“Preferir, en tempos de pandemia, que seguiran os orzamentos de Montoro ou que España puidese perder os fondos europeos é moi irresponsable”, advertiu o deputado socialista, crítico coa “mensaxe falaz” de que os orzamentos non benefician a Galicia.
INVERSIÓN PARA GALICIA
“O maior orzamento do PP para Galicia, o do 2012, só consignaba 692 millóns de euros descontando as partidas do AVE. O de 2021 recolle 770 millóns en inversións para Galicia sen o AVE”, contrastou Meijón, para rexeitar “a estratexia de tentar instalar o «España nos roba»”.
Ademais, o dirixente socialista destacou que os orzamentos do Estado destinan 308,3 euros por galego, o que supón case un 20% por riba da media española, que se sitúa en 258,2 euros por habitante. A iso engadiulle os 63 millóns para a rebaixa “histórica” das peaxes da AP-9.
Por todo, Meijón instou ao BNG a que reconsidere a súa postura “obstrucionista”, a que abandone unha posición que o sitúa no lado de VOX e o PP e a que se “sume” ás forzas de progreso no camiño da recuperación económica do noso país.