Luis Álvarez aconsella ao presidente da Xunta que “deixe de pensar nas eleccións municipais de maio” e pense en como atender aos galegos e ás galegas durante estes meses
O voceiro do grupo socialista, Luis Álvarez, denunciou este luns que as políticas sanitarias do goberno popular de Rueda apostan polo “deterioro e a privatización” e esixiulle que escoite o “clamor social” en defensa da sanidade pública que manifestou a sociedade galega na capital.
O portavoz do grupo socialista ofreceu unha rolda de prensa na que valorou a manifestación “histórica” do pasado domingo, que mobilizou a xente de toda Galicia ata Santiago de Compostela. Para Álvarez nas rúas da capital milleiros de persoas expresaron un “clamor social” en defensa da sanidade pública e contra a aposta por deteriorar, desvalorizar e privatizar do goberno do PP durante os últimos trece anos.
Luis Álvarez emprazou ao presidente Rueda a “escoitar os berros da sociedade galega en defensa daquilo que máis queren”, sendo para el “a resposta ante o silencio do PP” ás propostas socialistas para defender e mellorar o sistema sanitario galego.
Entende que a sociedade explicoulle onte ao goberno galego a necesidade de mudar as súas políticas, cunha “contestación social a un executivo que “só reacciona con ocorrencias, parches e improvisacións constantes”.
O voceiro do grupo socialista sinalou que foi a cidadanía quen gritou “basta” aos diversos indicadores do “deterioro” do sistema, nomeando varios deles como as listas de agarda en atención primaria, as dimisións dos xefes de servizo ou que “boten a culpa” ao goberno central da falta de Mir, cando deixaron sen convocar 180 prazas na última década.
Ante as acusacións do goberno galego e do PP de que a manifestación estaba politizada, Álvarez matizou que foi unha manifestación social, ao que os socialistas se sumaron. Engadiu que “Rueda e o seu conselleiro de sanidade foron dos maiores contribuíntes ao éxito da convocatoria tras estar semanas intentando desprestixiala”.
Molestou especialmente a Álvarez que o presidente emprazase aos grupos da oposición a facer propostas para mellorar o sistema, xa que “levamos anos facendo propostas constantemente rexeitadas polo grupo popular.
Entre estas medidas que presentaron os socialistas no Parlamento destacou as de mellorar as condición do persoal sanitario, garantir por lei o tempo líite de 48 horas para ser atendido en atención primaria, convocar todas as prazas en atención primaria, ampliar as categoría profesionais do Sergas, ter unha unidade de saúde mental en cada área sanitaria ou equiparar as ratios de saúde mental coas da media no Estado.
Ante esta batería de medidas preguntou directamente a Rueda “que non entendeu das propostas socialistas”, así que reprochou “como se atreve a dicir” que faltan propostas por parte do PSdeG para mellorar a situación sanitaria.
“QUE DEIXE DE PENSAR NAS ELECCIÓNS”
Luis Álvarez aconsellou ao executivo galego e ao seu presidente que “deixen de pensar nas eleccións municipais de maio” e que “pensen en como solucionar os problemas que eles causaron e que ateigan aos galegos e galegas en febreiro, marzo, abril e, por suposto, no mes de maio.
Tamén fixo unha comparación política entre o “accidente convertido en catástrofe” que foi o Prestige para o PP de Fraga, e a actual situación da sanidade pública que entende que é directamente provocada polo executivo. Por iso asegurou que “a sanidade pública é o Prestige de Rueda”.