Begoña Rodríguez Rumbo critica que o PP di defender a educación pública mentres pecharon un de cada dez colexios públicos en Galicia na última década
A viceportavoz do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, denunciou este sábado que a Xunta “segue pechando aulas e minguando plantillas nos colexios públicos galegos” de cara ao novo curso e anuncia que presentarán “iniciativas parlamentarias para que paren” os recortes.
Logo de recibir durante as últimas semanas protestas constantes de pais e nais de alumnos, así como do profesorado dun gran número de centros de ensino por toda Galicia aos que están chegando a planificación de cara ao novo curso escolar con recorte de aulas, unidades ou persoal educativo. Algúns destes casos xa denunciados polos socialistas son o do CIFP Ánxel Fole da Coruña, o CEIP A Ponte de Ourense ou o CEIP Xesús San Luis Romero de Carballo.
Ante este “goteo incesante de recortes”, a vicevoceira socialista critica aos populares por dicir que defenden o sistema público de educación, “pero a realidade é que durante a época de Feijóo e agora de Rueda pecháronse 1 de cada 10 colexios públicos en Galicia”.
Por elo entenden que con estes recortes no sistema educativo, o goberno do Partido Popular o que está facendo é atacar un “piar fundamental do Estado de Benestar para o progreso da sociedade”, poñendo trabas para a mobilidade social.
Así mesmo, reiterou que dende o PSdeG seguirán presentando iniciativas “para que paren con estes recortes” e que lle esixirán á Xunta “unha educación pública, universal, gratuíta e de calidade”, concluíu.