O voceiro parlamentario do PSdeG, Luis Álvarez, despois da rolda de prensa para presentar os orzamentos da Xunta cara o ano 2023, sinalou que “se o único que ten que anunciar son os beneficios fiscais”, pode deducirse que a sanidade, a educación e os servizos públicos “non están entre as súas prioridades”. Criticou o carácter “triunfalista e grandilocuente” da presentación das contas do executivo galego.
O representante dos socialistas galegos no Parlamento amosou hoxe a postura do seu partido ante presentación das contas realizada polo goberno da Xunta está mañá en rolda de prensa. Ante o exposto polos representantes do goberno do PP, incidiu en que foi “unha chuvia de cifras deslabazadas” e que non puideron transmitir o que van a significar para a poboación.
“Moi pouco cabe esperar das políticas públicas en sanidade, educación ou dependencia”, afirmou Álvarez, quen tamén indicou que “non parecen formar parte das súas prioridades” ante que na súa exposición o goberno deixara nun segundo plano estes campos. Ante o anuncio de 30 millóns de euros de reforzo na sanidade afirmou que se iso é o “único que teñen que dicirlle” á poboación “era mellor que estivesen calados”.
Do total de 12.620 millóns de euros cos que contarán os orzamentos da Administración galega, o voceiro socialista sinalou que non creen que se “vaian a a aproveitar” para solucionar as eivas existentes nos servizos públicos no seu conxunto, campos nos que “a comunidade autónoma está tan necesitada” de investimento.
En referencia ao aumento de 1000 millóns de euros respecto ás contas anteriores derivadas da ampliación do teito de gasto, lamentou que “pese a auténtica millonada da que vai a dispor” a Xunta, “non van a ser quen de arranxar os principais problemas dos galegos”. Álvarez destacou que eses cartos proveñen o “esforzo” do goberno do Estado para aportar máis fondos ás comunidades autónomas, “nun momento onde todos o necesitamos”.