Esta carencia viuse reflectida en incidentes recentes, como o ocorrido en Vilagarcía, onde un mozo gravemente ferido nun accidente cun patinete eléctrico tivo que ser atendido por un equipo médico que foi trasladado nun vehículo da Policía Local
Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2024. A deputada socialista Paloma Castro denunciou publicamente a preocupante situación que se está vivindo na comarca do Salnés tras o traslado da ambulancia medicalizada do Hospital do Salnés ao Centro de Saúde de Baltar, en Sanxenxo, durante a tempada estival. Esta decisión, tomada polo Sergas, deixou a Vilagarcía de Arousa e a outros municipios da comarca totalmente desprotexidos nun momento en que a poboación aumenta significativamente debido ao turismo.
“A decisión de priorizar a atención sanitaria en Sanxenxo, desprotexendo a Vilagarcía e a outras localidades do Salnés, é inaceptable, especialmente cando a ambulancia medicalizada é vital para atender casos graves como infartos, ictus ou accidentes de tráfico”, declarou Paloma Castro. A deputada lembrou que a ambulancia medicalizada actúa como unha UCI móbil, proporcionando unha resposta inmediata en situacións críticas ata o traslado ao hospital.
Esta carencia viuse reflectida en incidentes recentes, como o ocorrido en Vilagarcía, onde un mozo gravemente ferido nun accidente cun patinete eléctrico tivo que ser atendido por un equipo médico que foi trasladado nun vehículo da Policía Local debido á ausencia da ambulancia medicalizada. “Este tipo de situacións son intolerables e poñen en risco a vida dos nosos cidadáns”, engadiu Castro.
Desde o grupo parlamentario socialista rexistrouse unha iniciativa no Parlamento de Galicia, na que se esixe a reposición inmediata desta ambulancia no Hospital do Salnés, mantendo outra de apoio en Sanxenxo durante o verán. Ademais, pídese que para o ano 2025 se reconsidere esta medida e se aumente o servizo de ambulancias na comarca para responder adecuadamente o incremento poboacional.
“Condenamos esta nova actitude de desleixo e discriminación por parte do Sergas, e esiximos solucións inmediatas antes de que teñamos que lamentar consecuencias máis graves”, concluíu a deputada socialista.