O portavoz do grupo socialista, Luis Álvarez, denunciou a “extrema gravidade” das declaracións da xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, nas que avisaba á poboación de que non haberá, de forma definitiva, pediatras en todos os centros de saúde, así como que as citas de atención primaria non serán para o mesmo día en que se solicitan, ante o que os socialistas advertiron que non debería seguir no seu posto.
O representante dos socialistas galegos no Parlamento de Galicia, ofreceu este luns unha rolda de prensa onde valorou a entrevista publicada este pasado domingo á recen nomeada xerente do Sergas, na que López-Pardo alertou á cidadanía de que non ten por que haber sempre un pediatra en cada centro de saúde ou que non se den as citas co médico de cabeceira para o mesmo día na que se solicitan.
A xerente do Servizo Galego de Saúde tamén fixo referencia á unha medida de seguimento dos enfermos crónicos galegos, xa que hai moitos deles que levan máis de seis meses sen acudir a unha cita médica. Ante tal situación, Álvarez criticou que “en que cabeza cabe” que un enfermo crónico non sexa visitado por un médico en máis de seis meses e “a responsable do Sergas” confirme isto e “se quede tan tranquila”.
Os socialistas entenden que a directora xeral, nomeada no verán tras unha “rotación de cargos no Sergas” e que está “nun posto creado para mellorar a atención sanitaria”, obxectivo claramente non conseguido ao seu parecer, igual “non debería seguir no seu posto”. Para o PSdeG este “panorama desolador” só se entende trala xestión do PP na Xunta dende o 2009, xa que as palabras de López-Pardo eran impensables hai uns anos.
No campo da pediatría, Luis Álvarez comparou a cobertura de prazas en Galicia coas das comunidades autónomas do seu entorno, sendo estas Castela e León, Asturias ou Cantabria, que teñen cerca do 100% das prazas de pediatras cubertas. Entretando, na comunidade autónoma galega soamente o 85% das prazas ofertadas están ocupadas, o que demostra, para o voceiro socialista, que a diferencia está nas “pésimas condicións laborais” que ofrece o Sergas.
Outros datos que se fixeron públicos polo medio de comunicación e que non desmentiu a administración, polo que os socialistas dan como “certos ou aproximados”, son os dos aumentos das listas de espera respecto antes da pandemia. Destacan os 30.000 pacientes en espera de consulta especializada máis ca no 2019, 12.000 persoas máis agardando por unha operación cirúrxica e 32.000 usuarios máis que esperan unha proba diagnóstica.
Luis Álvarez relacionou a falta de servizos públicos co despoboamento que está a sufrir gran parte do rural galego, destacando que “non serve de nada” facer unha “fracasada” lei de impulso demográfico, se recortas en asistencia sanitaria e en educación, deixando ás familias sen pediatra e sen colexios, sendo elementos básicos para que se instaure xente moza no rural e desenvolva o seu proxecto vital.
BAIXAS EXPECTATIVAS
Ante a presentación dos orzamentos esta semana polo goberno da Xunta, que destacan que terán un amplo gasto social, o portavoz socialista amosou “as baixas expectativas” do seu partido, xa que entende que pouco se pode esperar trala suspensión da tarxeta básica e que se o goberno tivera algunha medida eficaz xa estaría anunciada “hai varios días” pola maquinaría de “propaganda” da Xunta.
O portavoz socialista anunciou que preguntará na sesión de control polas medidas para reverter a situación do sistema sanitario así como que instará a Rueda a que “reorienten de forma urxente todas as políticas que veñen desenvolvendo dende que é presidente”. Destacou que “xa había unha situación mala con Feijóo que todos os indicadores sinalan que esta situación só fai empeorar nos últimos meses”.