Gómez Besteiro: “Desde Galicia aportamos medio milleiro de propostas para impulsar os avances desde a esquerda”
“A familia socialista galega sabe ben do que é capaz Feijóo e o PP, porque xa sufrimos a súa cacería xudicial en Galicia”, dixo o líder socialista
O secretario xeral do PSdG, José Ramón Gómez Besteiro, destacou hoxe que o 41º Congreso Federal do PSOE será clave para trazar o camiño de progreso da próxima década en España. “Unha España que non só adianta pola esquerda, senón que lidera desde a esquerda”, subliñou.
Besteiro asegurou que o Partido Socialista de Galicia xogará un papel fundamental para que este liderado se manteña: “Desde o PSdeG imos contribuír a que siga sendo así”. Para iso, a delegación galega levará tres prioridades claras a este Congreso Federal: maior financiamento local, acceso a unha vivenda digna e máis igualdade de xénero.
En declaracións aos medios, o líder socialista galego cargou contra a xestión histórica do PP nestes asuntos. “Xusto o que nunca lle importou ao PP, que sempre tivo aos concellos afogados, fixo negocio coa vivenda pública e obstaculizou historicamente todos os avances das mulleres”, afirmou con rotundidade.
Medio millar de emendas para fortalecer o proxecto socialista
Gómez Besteiro puxo en valor o traballo realizado pola delegación galega grazas ao diálogo coa cidadanía e ás reunións cos alcaldes e alcaldesas de Galicia. “Froito da reunión que celebramos e dos Diálogos con Raíz organizados por todo o territorio, preparamos as nosas propostas e medio millar de emendas para este congreso”, explicou.
Quixo ademais trasladar o seu agradecemento á militancia e aos representantes locais polo esforzo realizado neste proceso: “Quero darvos as grazas polo voso traballo”.
Besteiro destacou tamén a importancia do Congreso Federal como punto de encontro e renovación. “Xunto aos compañeiros e compañeiras do partido en España celebraremos un congreso para renovar forzas, consolidar os avances impulsados desde a esquerda e seguir facendo de España o país líder da zona euro”.
Crítica a Feijóo e ao PP
En contraposición ao proxecto socialista, Besteiro criticou a falta de rumbo do líder do PP. “Pensen que Feijóo quere gobernar o país cando non é capaz nin de gobernar o seu partido nin se atreve a celebrar un congreso federal”, sinalou.
O secretario xeral do PSdeG lembrou o legado de Feijóo en Galicia, marcado polo que definiu como unha “década de cacería xudicial” impulsada polo PP. “A familia socialista de Galicia sabe ben do que é capaz Feijóo e o PP, porque xa fixo o mesmo en Galicia. E aquí estamos”, afirmou.
Besteiro concluíu cunha mensaxe de forza e determinación: “Non puideron con nós porque a verdade pode con Feijóo. E volverémolo facer”.