O portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, cualificou hoxe cun “suspenso” a política forestal do PP na Xunta, ata o punto de que así se evidenciou nas recomendacións da propia comisión de estudo levada a cabo no Parlamento de Galicia.
Desas conclusións, como explicou o socialista, tírase “un cambio de fondo” nas políticas postas en marcha ata o de agora e a “recuperación” de medidas iniciadas polo executivo que dirixiu Emilio Pérez Touriño.
De aí que Leiceaga puxese ese “suspenso” á política forestal e contraincendios do PP, ao tempo que valorou o feito de que se dispoñan procedementos que permitan “facer seguimento” de que as medidas propostas na comisión “se levan á práctica”.
Nese punto, o voceiro socialista puxo en cuestión que ese “cambio de fondo” poida materializarse “mantendo o mesmo equipo na consellería” de Medio Rural, motivo polo cal avanzou que avaliará se a Xunta “cumpre ou non cos seus deberes”.