Patricia Iglesias denunciou que mentres o ministerio concedeu 120 millóns de euros para As Pontes e Cerceda, “houbo que esperar ata o 2025 para que a Xunta publicase as primeiras convocatorias de subvencións e préstamos do Igape e o Inega”
A deputada socialista advertiu de que a UE “esixe que se faga o despregamento dos investimentos e a execución total dos proxectos entre o 2025 e o 2027”, financiados a través dunha achega de 111 millóns de euros que distribúe a Administración galega
A deputada socialista Patricia Iglesias denunciou hoxe no Parlamento galego a incapacidade do Goberno de Rueda para xestionar os 111 millóns procedentes do Fondo de Transición Xusta que lle corresponde distribuír á Administración autonómica. Foi no debate dunha proposición non de lei do Grupo Socialista, a través da que se lle esixía á Xunta que active “de forma inmediata” esas axudas, destinadas a compensar os efectos do peche das centrais térmicas das Pontes e Meirama.
Iglesias recordou que hai dúas vías para a distribución deses investimentos. Por unha banda, a través de diferentes organismos do Estado, e por outra, desde a Xunta. “O Goberno galego está a ser ineficiente e leva moito atraso”, advertiu a parlamentaria socialista, que contrapuxo esa xestión á do Executivo central.
“No caso do Goberno de España, despregáronse as axudas a proxectos empresariais xeradores de emprego, a pequenos proxectos industriais de investimento, a proxectos enerxéticos innovadores e a proxectos municipais e de infraestruturas”, enumerou. Segundo explicou, en total, concedéronse por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica 120 millóns de euros, “85,7 para As Pontes e 34,3 para Meirama, que mobilizarán 534,4 millóns de investimento”. A iso uniu a convocatoria concurso para o nodo de Meirama, con 408 MW de capacidade, e a subestación de Maciñeira.
Pola contra, as axudas a cargo da Xunta están practicamente paralizadas. Coa excepción da convocatoria do 2024 para a creación de centros dixitais, “tivemos que esperar ata a anualidade 2025 para que o Goberno galego publicase as primeiras convocatorias de subvencións públicas e préstamos financeiros polo Igape e o Inega”, lamentou, para lembrar que o convenio para recibir os fondos e mobilizar as axudas ás zonas afectadas polo peche das centrais “asinouse pola Xunta en novembro de 2021”.
Patricia Iglesias reprochoulle a Rueda que, nesta situación de “retaraos inxustificable que prexudica aos concellos e á veciñanza das comarcas afectadas”, fose a Bruxelas a reclamar unha maior descentralización da xestión dos fondos europeos. Pola contra, sinalou a importancia de axilizar a entrega deses recursos, como está a facer o Goberno central, destinados a “garantir que o paso cara unha economía máis sustentable e baixa en carbono sexa equitativo e beneficioso para todas as persoas, especialmente para aquelas comunidades que dependían de industrias contaminantes”.
Finalmente, chamou a atención sobre a urxencia de mobilizar eses fondos. “Quero remarcar que Europa esixe que entre o 2025 e o 2027 se faga o despregamento dos investimentos e se execute a totalidade dos proxectos financiados”, dixo. “Escoiten, gobernen e xestionen de xeito eficiente”, concluíu.