A vicevoceira do grupo socialista Begoña Rodríguez Rumbo valorou hoxe o “suposto estudo” encargado pola Xunta para a delimitación competencial e o financiamento dos concellos que é un PowerPoint cun custo de case 1.000 euros por páxina e cuxas conclusións favorecen ao executivo galego, xa que defende que é legal a dinámica de que “a Xunta invita e os concellos pagan”.
Begoña Rodríguez Rumbo referiuse a un estudo encargado polo goberno galego a un grupo de investigación da USC para establecer a delimitación de competencias no ámbito da administración local. Este debería ser complementario a un realizado pola Fegamp, xa que o acordo era realizar dous estudos independentes para a súa comparación, pero os representantes dos concellos denuncian que a Xunta non responde ás súas invitacións para reunirse.
A representante dos socialistas na cámara galega denunciou a falta de rigor deste “suposto estudo” que é “un PowerPoint” cun custo total de 25.000 euros, saíndo a “case 1.000 euros por páxina”, e que resume as súas conclusións en apenas dúas diapositivas.
Estas conclusións “benefician os postulados do goberno galego”, favorecendo a dinámica instalada de que “a Xunta invita e os concellos pagan”, pola cal “se lle transfiren o exercicio de competencias de ámbito autonómico ás administracións locais sen o financiamento suficiente”, alegou a deputada.
Dous exemplos que aportou Rodríguez, que foron moi discutidos nos últimos meses son o da gratuidade das escolas infantís que anunciou o goberno galego, pero que asumen en parte os concellos, ou o Servicio de Asistencia ao Fogar (SAF).
Rodríguez Rumbo sinalou que “este suposto estudo foi encargado para reafirmar as actuacións da Xunta” e que está a contradicir á lei que obriga ás Comunidades Autónomas a financiar aos concellos. Xa que así se recolle na propia Constitución Española e os Estatutos de Autonomía, así como o Pacto Local asinado no 2006 polo presidente Touriño e o presidente da Fegamp, por aquel entón en mans do PP.
Este martes debaterase no pleno do Parlamento a moción presentada polos socialistas para levar diferentes demandas dos concellos, “tamén dos gobernador polo PP”, e da que esperan o apoio de todos os deputados e deputadas da cámara, aínda que teñen bastantes dúbidas. Isto ven como consecuencia da interpelación ao vicepresidente segundo, Diego Calvo, do pasado mes de decembro, onde non aclarou nada sobre o rumbo da Xunta na relación cos concellos no futuro.
Os socialistas presentarán unha interpelación ao vicepresidente segundo, Diego Calvo, para que faga unha valoración propia deste estudo, así como se vai a mudar algo no trato aos concellos, aínda que amosan falta de expectativas pola falta de resposta do responsable da Xunta.