O eurodeputado socialista galego Nicolás González Casares subliña que os socialistas galegos manterán a vixilancia en Europa para que os fondos comunitarios non poidan financiar proxectos incompatibles co respecto ambiental
O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, censurou hoxe que o PP “se aliara unha vez máis” coa extrema dereita no Parlamento Europeo para vetar a posibilidade de que se discuta sobre o proxecto de Altri na Comisión de Peticións da Eurocámara.
Despois de que esta mañá o PP unira os seus votos aos grupos de ultradereita para impedir que a plataforma Ulloa Viva poida expoñer a súa iniciativa ante a Comisión de Peticións, González Casares lamentou o autoritarismo do PP, que busca “silenciar a voz da cidadanía galega no Parlamento Europeo”. “Os eurodeputados do PP abríronlle as portas a Altri en Bruxelas, mentres que llas pechan á cidadanía contraria ao proxecto” e engadiu que “entre defender intereses privados ou públicos, o PP nunca ten dúbida”.
O eurodeputado galego cargou igualmente contra o feito de que dereita e ultradereita se escudaran nas respostas dadas pola Comisión Europea a distintas preguntas parlamentarias para impedir o debate e pechar a petición, argumento que considerou dunha “pobreza supina”. Enmarcou esta decisión no “negacionismo climático” e a ofensiva contra as políticas ambientais e de loita contra o cambio climático no que está instalado o PP en Galicia, España e Europa.
“Nun momento no que a mala saúde das nosas rías está en portada da prensa mundial, no que os fenómenos extremos están a impactar no noso país, en vez de reflexionar sobre o xiro necesario para afrontar o cambio climático, o PP redobla a súa aposta por proxectos insostibles”, manifestou.
Con todo, González Casares comprometeuse a manter a vixilancia e o control ante as institucións comunitarias sobre o proxecto de Altri, de maneira que non se dedique un só euro de fondos comunitarios a proxectos que non cumpran os principios comunitarios de respecto ambiental. “Galicia ten potencial para liderar e captar investimentos para un desenvolvemento industrial sostible. Ese é o modelo polo que apostamos os socialistas”, concluíu.