Carmen Rodríguez Dacosta denuncia que os propietarios de parcelas no municipio ouresán de Cartelle, onde os trámites comezaron en 1993, seguen agardando os títulos, incluso tres anos despois de que o Parlamento instase á Xunta a entregarllos
A deputada socialista cualifica de “inexcusable” o atraso, que afecta a 1.200 veciños e veciñas “abandoados pola Xunta”, e advirte que o mal estado no que se atopan as pistas do terreo concentrado implica risco de incendios
A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta vén de denunciar as esperas de máis de 30 anos que padecen donos e donas de predios de concentración parcelaria para obter os títulos de propiedade.
A portavoz de Medio Rural do Grupo Parlamentario do PSdeG puxo como exemplo o proceso de concentración no municipio ourensán de Cartelle, iniciado en 1993. Segundo recordou, 1.200 veciños e veciñas levan máis de tres décadas agardando a que se completen os trámites. Pese a que os traballos técnicos xa estaban rematados no ano 2007, seguen á espera de que a Xunta de Galicia lles entregue os seus títulos.
No que constitúe “unha mostra máis da falta de xestión da Xunta do PP á hora de combater o abandono do rural”, lembrou tamén que hai tres anos, en abril do 2021, os tres grupos da Comisión de Agricultura do Parlamento Galego (PP, PSdeG e BNG) votaron favorablemente unha iniciativa dos socialistas a través da que se instaba ao Goberno galego a entregar de xeito inmediato os atenditos títulos de propiedade. Pero a da de hoxe o Executivo de Rueda non deu un só paso para solucionar o problema nun concello que ten arredor do 90 % da súa superficie dentro da concentración parcelaria.
Dacosta criticou que o caso de Cartelle, “lonxe de ser unha excepción, é unha fiel mostra do que está a acontecer en numerosas parroquias” de Galicia, nun momento no que a terra abandonada suma máis de 900.000 hectáreas en toda a comunidade.
A deputada por Ourense acaba de rexistrar unha proposición non de lei co fin de esixirlle á Xunta de Galicia que, “de forma inmediata”, entregue os títulos de propiedade da concentración parcelaria de Cartelle e que verifique o estado das pistas, debido ao resco de incendios que implica.
Na iniciativa explica que a demora nunha solución por parte da Consellería de Medio Rural está a provocar graves problemas aos propietarios e propietarias, que, ao non dispor dunha escritura dos terreos, débense desprazar ás oficinas agrarias en busca de certificacións cada vez que precisan realizar calquera trámite relacionado coas súas parcelas. Carmen Rodríguez Dacosta considera “inexcusable” que nestes anos o Goberno de Rueda non fora quen de dar resposta definitiva a unha problemática que sofren os ceciños e veciñas do municipio de Cartelle e que están “abandonados pola Xunta”.