A secretaria socialista de Igualdade, Silvia Fraga, critica que o presidente da Xunta “non está a carón das vítimas e lanza unha mensaxe moi perigosa”
A secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga, cualificou hoxe de “intolerables” as declaracións do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sobre a reincorporación ao PP do concelleiro da Illa de Arousa condenado por violencia de xénero. Fraga lembrou que o tamén presidente do Partido Popular de Galicia comprometeuse hai un ano, antes das eleccións municipais, a non integrar de novo ao edil, fose cal fose o resultado dos comicios.
“O señor Rueda vén de demostrar dúas cousas coas súas declaracións. A primeira, que non é unha persoa de fiar, que non é unha persoa de palabra”, asegurou a responsable socialista en materia de Igualdade, que, por outra banda, criticou que o líder popular defendese a volta de Matías González Cañón ao grupo popular no seu concello como unha decisión do partido á que el, segundo dixo, non se opuxo. Así, o presidente da Xunta demostra “que non está a carón das vítimas de violencia de xénero e lanza unha mensaxe moi perigosa, dando a entender que a violencia de xénero é algo que se pode perdoar”, afirmou Fraga.