José Manuel Lage asegura que o presidente da Xunta “mentiu onte cando aseguraba que era falso o que eu dicía ou ignoraba prácticas miserables” da actual presidenta do PP lugués
31 de marzo de 2023. O secretario de organización do PSdeG, José Manuel Lage, considera demostrado que a presidenta provincial do Partido Popular de Lugo empregou documentos anónimos coa finalidade de apartar a José Ramón Gómez Besteiro da vida política, así que, en consecuencia, esíxelle a Alfonso Rueda que retire a Elena Candia da carreira pola alcaldía de Lugo.
Despois de que Rueda negara o papel que xogou a presidenta do PP lugués e de que lle pedira ao PSdeG que deixara de facer política, Lage Tuñas asegura que ou ben o presidente da Xunta “mentiu” ou “ignoraba as prácticas miserables” que empregou Candia para desfacerse dun contrincante político.
O xefe do aparato socialista non deixou lugar a dúbidas sobre a defensa pechada da honorabilidade de Besteiro, e subliñou que Elena Candia “está inhabilitada para representar aos veciños de Lugo”, pois a utilización de escritos anónimos en sobre branco para sacar a Besteiro da política “é do máis rastreiro que temos visto nos últimos tempos”.
Atribúe a responsabilidade tamén a un Alfonso Rueda que ou “toma decisións con Candia e a cesa ou estará dándolle cobertura a prácticas miserables coa utilización de armas prohibidas en política e na vida mesma”, reclamou o secretario de Organización do PSdeG.
Estas declaración prodúcense logo de que se arquivaran todas as causas xudiciais contra José Ramón Gómez Besteiro e do seu regreso á primeira liña ao ser nomeado Delegado do Goberno en Galicia. No propio expediente que se abriu contra o que era secretario xeral do PSdeG consta que a actual candidata popular á alcaldía de Lugo presentou os papeis de orixe anónima co ánimo de incriminar de forma infundada a un adversario político.
Quedou demostrado polas autoridades xudiciais que os documentos presentados por Candia non demostraban ningún delito e que se baseaban en “meras sospeitas”, pero significaron un gran custe persoal e político para o que era secretario xeral do PSdeG e candidato á presidencia da Xunta.