Formoso salienta o “exercicio de memoria e de xustiza” que se fai coa recuperación duns galardón que o partido deixou de celebrar nos últimos cinco anos
“Temos que seguir na loita feminista porque cabalgamos a ombros de xigantes”, proclamou Nadia Calviño ao recoller o galardón
O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, fixo entrega este venres do Premio de Igualdade Maruja Vázquez Suárez á vicepresidenta primeira do goberno, Nadia Calviño, polo seu compromiso coa igualdade e co feminismo, e por ter sido “unha inspiración” para as mulleres que teñen responsabilidades de goberno”, apuntou durante a presentación a alcaldesa da Coruña, Inés Rey.
Nun acto desenvolvido no Campos de Elviña da Universidade da Coruña, Formoso puxo en valor o papel que tivo a concelleira ferrolá Eva Martínez Montero na creación dun premio que leva o nome dunha mestra republicana e socialista asasinada polos franquistas no inicio da Guerra Civil. “Faise memoria e xustiza con aquelas persoas que facían política cando era difícil facer política”, sinalou Formoso, en referencia ás que defendía a igualdade e acababan “condenadas, encadeadas ou fusiladas”.
Engadiu o líder dos socialistas en que foi grazas “a aquelas mestras que intentaron cambiar a realidade que hoxe temos unha ministra de Economía”, ao tempo que lle propuxo a Nadia Calviño que lle roube dous minutos ao tempo de traballo “para explicarlle a Feijoo o que é unha prima de risco”.
Visiblemente emocionada coa entrega do galardón, una escultura da artista Carme Romero, a vicepresidenta primeira do goberno apostou por facer da igualdade de xénero “un dos vectores que nos guíe ao futuro”. Relatou tamén que a súa advertencia pública de que non acudiría a reunións nas que non estivera garantida a presenza de mulleres serviu para cambiar a cultura dalgunhas xuntanzas, pois cada vez hai máis coidado, dixo, en que sexan representativas da sociedade.
“Temos que seguir na loita feminista”, abondou Calviño, porque neste asunto “cabalgamos a ombros de xigantes” e non só convén ter moi presente a quen dou a vida pola igualdade, como Maruja Vázquez, senón que non convén baixar a garda “polos nosos fillos e fillas para deixarlles un mundo mellor e unha España da que se poidan sentir orgullosos e orgullosas”.
A dirección do PSdeG recupera deste xeito a organización duns premios instaurados no ano 2015, pero que deixaran de celebrarse dous anos máis tarde, e faino con vocación de manter viva a chama do feminismo nun momento en que “perduran vellas loitas e xorden outras frontes novas con forza”, como salientou a secretaria de Igualdade do partido, Silvia Fraga, en relación as posición políticas que se dedican, dixo, “a cuestionar o que é ser muller”.
María Vázquez Suárez, máis coñecida no plano familiar e de amizades como “Maruja”, foi unha mestra que naceu no ano 1895 en Santiago de Compostela, onde estaba destinado o seu pai, militar de carreira. Estudou na Escola Normal da Coruña, onde se graduou en 1913, e obtivo por primeira vez praza de mestra na localidade barbanzana da Pobra do Caramiñal, onde exerceu durante doce ano.
En 1929 obtén destino no municipio de Miño, onde mantivo una participación política activa en torno aos valores republicanos e feministas, e onde contribuíu a fundar a agrupación socialista. En 1936, logo do golpe de Estado de Franco, foi detida na Coruña acusada de defender a escola laica e o amor libre. Ingresa no cárcere en Pontedeume, e foi vilmente asasinada o 19 de agosto do 36 logo da saca dunha cuadrilla fascista.