Julio Torrado anuncia un documento ambicioso en clave galega con propostas novas, modernas e ilusionantes como referencia dos valores progresistas e socialdemócratas para apostar por unha Galicia “que pode dar moito máis que a visión gris e o desleixo do PP”
O equipo redactor da ponencia que prepara o documento marco do XV Congreso do PSdeG, que se celebrará os próximos 08 e 09 de marzo, mantivo a súa primeira xuntanza de traballo coordinado polo portavoz da Executiva do PSdeG e ex deputado autonómico Julio Torrado. Os socialistas galegos preparan un “documento ambicioso en clave galega” con aportacións para superar a Galicia “gris e conformista” que provoca a xestión do PP no goberno galego.
O responsable socialista deu inicio a un proceso participativo, permeable ás aportacións do tecido social, económico e asociativo de Galicia, para presentar un documento de traballo que será mellorado no debate do Congreso para ser referente dos valores progresistas e socialdemócratas nesta Comunidade Autónoma. Para iso incorporará propostas “novas, modernas e ilusionantes” que os socialistas galegos están a recoller a través do ciclo de encontros sectoriais Diálogos con Raíz.
Estes certames están a recibir as aportacións de un amplo abano de expertos e referentes sectoriais “de dentro e de fora do PSdeG”, co único obxectivo de “tratar en profundidade coa xente que sabe” e facer do partido unha organización permeable ás mellores aportacións en coherencia coa súa vocación de ferramenta útil e necesaria para mellorar a vida dos galegos e das galegas.
Torrado explicou que os socialistas galegos afrontan o seu XV Congreso co obxectivo de rearmar o partido e de traballar por unha Galicia “que supere o conformismo e o desleixo na xestión das políticas públicas gris e carente de ideas” dun PP falto de ambición e un Rueda que afronta a presidencia do goberno galego “cos brazos caídos”.
Os socialistas comezan un proceso de traballo intenso aberto ás aportacións da rede de contactos clave en Galicia e protagonizado por un amplo equipo que ten demostrado a súa solvencia profesional e política. A ponencia repartirá o traballo en 8 bloques centrais, incluíndo a coordinación a cargo do propio Torrado.
A secretaria de Igualdade e tamén ex parlamentaria autonómica Silvia Fraga encabezará a sección de Igualdade, mentres o europarlamentario galego e secretario de Política Europea e de Transformación Dixital do PSdeG, Nicolás González Casares, será o responsable da área de Sostenibilidade.
A parlamentaria no Congreso, secretaria de Transportes e Mobilidade Sostible da Executiva socialista e avogada, Patricia Otero, encargarase de coordinar a sección de Dereitos, e o economista e secretario de Economía e Emprego, e actualmente subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, será o máximo responsable da área de Economía.
Pola súa banda, a ex senadora e actualmente deputada no Congreso e doutora en Socioloxía Obdulia Taboadela coordinará a área de Convivencia, mentres a parlamentaria autonómica Carmen Rodríguez encargarase da área de Cohesión e, finalmente, o asesor xurídico e secretario do PSdeG de Santiago Aitor Bouza levará a área de Estatutos.