Ante a proposta nacionalista de que o Estado español manteña unha “neutralidade activa”, o portavoz de relacións coa Unión Europea do PSdeG lembra que nun conflito destas características “non caben equidistancias”
Nicolás González Casares chama ao BNG a reflexionar e posicionarse de maneira clara contra esta “inxustificable agresión”, como fixeron o conxunto das democracias europeas
O eurodeputado socialista e secretario de Relacións Institucionais coa Unión Europea do PSdeG, Nicolás González Casares, censurou hoxe a falta dunha condena explícita e directa a Rusia por parte do Bloque Nacionalista Galego ante a invasión militar a un país europeo e soberano, como é Ucraína. Trátase, apuntou González Casares, dunha actitude “incomprensible” diante da guerra emprendida “de maneira inxustificada e inxustificable” polo presidente Vladimir Putin.
A maiores, o portavoz de relacións coa Unión Europea lamentou que o BNG lle reclame “neutralidade activa” ao Estado español ante unha acción bélica que pode ter “consecuencias catastróficas para a poboación civil”. Nesta liña, Nicolás González Casares lembra que “nun conflito destas características non caben equidistancias de ningún tipo”. Por iso, pídelle ao BNG que reflexione e que adopte un posicionamento claro e contundente en contra da agresión rusa, tal e como fixeron o conxunto das democracias europeas.
“Non se pode dicir pola mañá Non á guerra e, pola tarde, manter unha postura ambigua ante un ataque militar que vulnera o dereito internacional e soberanía de Ucraína”, afirma González Casares.
Por outra banda, o portavoz de relacións coa Unión Europea do PSdeG reiterou hoxe, en nome dos socialistas galegos, a súa condena máis “firme, enérxica e sen paliativos” á invasión militar de Ucraína por parte de Rusia.
Desta maneira -e en liña co expresado polo Partido Socialista Europeo e polo secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso- Nicolás González Casares apoia de maneira rotunda a soberanía e integridade territorial de Ucraína e reclama o fin inmediato das agresións e a retirada das tropas rusas do país. Tamén respalda todas as accións sancionadoras que, dende a Unión Europea e no eido da legalidade internacional, se leven a cabo co obxectivo de impedir que continúen as accións bélicas do goberno de Putin.
En paralelo, o eurodeputado galego expresa a “total solidariedade” dos e das socialistas galegos co conxunto do pobo ucraíno, “vítima dunha atrocidade inaceptable e de terribles consecuencias”. “Os nosos pensamentos e o noso corazón están hoxe, máis que nunca, con toda a cidadanía dese país”, afirmou antes de comprometer tamén todo o apoio ás medidas que se adopten para evitar e paliar o seu sufrimento ante a previsible crise humanitaria que provocará a ofensiva rusa.
Finalmente, Nicolás González Casares lembra que a guerra emprendida por Vladimir Putin -xunto coas súas ameazas de represalias a calquera outro país que acuda na axuda de Ucraína- vulnera de maneira flagrante o dereito internacional e, en consecuencia, supón unha manifesta ilegalidade.
“Non se trata tan só dun ataque a un país europeo, senón dun ataque aos esenciais valores europeos da paz, da liberdade e dos respecto á soberanía e ás fronteiras”, proclama o eurodeputado socialista.