O deputado Juan Díaz Villoslada lamenta que o goberno galego prefira falar de “inexistentes tramas terroristas” que “pechar o conflito” cun corpo “fundamental”
Santiago, 9 de agosto de 2018. O deputado socialista Juan Díaz Villoslada censurou hoxe a “grave irresponsabilidade” que está amosando a Xunta ao manter “completamente atrancadas” as negociacións cos axentes forestais e medioambientais en pleno período de alto risco de incendios.
Como explicou en rolda de prensa o deputado socialista, esta situación derívase da vaga de lumes do pasado mes de outubro, de xeito que lamentou que aínda non se teña “pechado o conflito” laboral.
Parece, como sinalou Villoslada, que o goberno galego prefire “buscar culpables” cando se producen os incendios, falando das responsabilidades dos concellos ou de “inexistentes tramas incendiarias”, antes que chegar a acordos cun corpo duns 500 traballadores que é “fundamental”.
De feito, recordou que o Grupo Socialista xa ten interpelado ao goberno galego para reclamarlle que “vele polas condicións de traballo, de formación e de melloras operativas” deste persoal.
Sen embargo, o parlamentario do PSdeG constatou que os “compromisos” plantexados naquela data “non se plasmaron na mesa de negociación” e non se ten posto en valor o traballo que fan os axentes responsables da loita contra os incendios forestais e da conservación do monte.
En paralelo, Díaz Villoslada lamentou que outras iniciativas socialistas encamiñadas a mellorar as condicións de traballo destes corpos foron “rexeitadas” polo PP, o que denota o seu “interese”.
FOLGA DOS AXENTES
Pola súa banda, o representante de UGT no comité de folga dos axentes medioambientais e forestais, Carlos Sanmiguel, explicou que os axentes forestais teñen recorrido os servizos mínimos do 100% impostos pola Xunta, mentres que os axentes medioambientais están creando unha caixa de resistencia de cara a decidir se levantan a suspensión do seu paro.
“Queremos un mínimo de razonabilidade por parte da administración autonómica”, engadiu, de cara ás negociacións co goberno galego, ao que acusou de tentar “crear división” entre os axentes. Así é que reclamou a “mediación” de Feijóo para “solucionar o conflito de maneira eficaz e rápida”, non sen recordar que o persoal aínda non percibiu o pago das horas extra dos lumes de outubro de 2017.
Finalmente, o voceiro da CIG, Xosé Manuel Couselo, denunciou o “exceso horario imposto” pola Xunta e a “penosidade” do seu traballo, que inclúe, entre outras cuestións, “gardas de doce horas de presenza física durante a campaña de alto risco de incendios”.
Estas declaracións producíronse despois dunha xuntanza do comité de folga con Villoslada e co voceiro parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga.