Noa Díaz cualifica de “propio dunha mentalidade machista do século XIX máis que do século XXI” a “falla de mulleres” neste ente, xa que “a reactivación de Galicia non pode facerse excluíndo a máis da metade da sociedade galega”
A voceira de Igualdade do Grupo Parlamentario Socialista, Noa Díaz, censurou hoxe que a Xunta excluíse a mulleres do consello de administración da sociedade público-privada que vén de constituír para a xestión de proxectos europeos. De feito, anunciou iniciativas parlamentarias para instar a Feijóo a “rectificar” o feito de que non haxa “nin unha soa muller entre nove homes”. “É inaceptable e inasumible”, recalcou.
A deputada socialista cualificou como “propio dunha mentalidade machista do século XIX máis que do século XXI” a “falla de mulleres” deste ente, o que presupón que “a igualdade para o PP é só un eslogan”.
Neste senso, Noa Díaz subliñou que “a reactivación de Galicia non pode facerse excluíndo a máis da metade da sociedade galega” e lembrou que o pasado 9 de marzo o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha moción socialista para instar ao goberno galego a asegurar que a perspectiva de xénero estea presente nos proxectos presentados pola administración autonómica galega aos fondos europeos Next Generation.
Así pois, a parlamentaria do PSdeG instou a Feijóo a que rectifique e constitúa “inmediatamente” un consello de administración igualitario cunha presenza equilibrada entre mulleres e homes, xa que existen “moitas mulleres perfectamente válidas neste país” para formar parte deste órgano. “A Xunta non pode fomentar os teitos de cristal”, advertiu.
Por último, a voceira socialista en materia de Igualdade criticou o “escurantismo” do goberno galego en todo o que ten que ver coa xestión dos fondos europeos. “A Xunta non informou nin no Parlamento ni na comisión de reactivación da conformación da citada sociedade público-privada”, sentenciou.