Máis de 2.500 militantes e simpatizantes daranse cita en Sigüeiro para recuperar un acto que non tiña lugar dende o ano 2016
O PSdeG celebrará de novo este sábado a XI Festa Socialista de Galicia coa intervención do secretario xeral, Valentín González Formoso, a ministra de Educación e portavoz da CEF do PSOE, Pilar Alegría, e o alcalde de Oroso, Luis Rey. O encontro reunirá a máis de 2.500 militantes e simpatizantes na área recreativa de Penateixa, en Sigüeiro -Oroso-.
O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage, sinala que “recuperamos a Festa Socialista de Galicia que fora concibida por Antón Louro no ano 2001 para reafirmar a nosa identificación con Galicia”. Os socialistas galegos recuperan así a idea orixinal desta Festa, para “mesturar a rica gastronomía coa fraternidade e os usos e costumes que temos os galegos e galegas”, explicou.
O responsable socialista sinala que “na etapa de Touriño e Louro consolidamos a Festa do PSdeG como momento de encontro da militancia galega, e nesta nova etapa recuperamos ese compromiso co país, coa terra, coa nosa identidade e co orgullo de ser socialistas galegos”.
Lage Tuñas trasladoulle o agradecemento á militancia por “facer posible esta gran festa do socialismo galego coa que recuperamos unha cita que esta dirección do partido manterá ano a ano para consolidar este evento como punto de encontro do socialismo galego”.
Xornada
A festa comezará ás 13,00 h. do sábado coa actuación do grupo tradicional Os argalleiros de Oroso, que amenizará a chegada dos asistentes ata o inicio do acto político, previsto para as 14,00 h.
A continuación, en torno ás 14,30 h., terá lugar o xantar tradicional composto de empanada, polbo, carne ó caldeiro e bebidas do país e ás 17,00 h. intervirá o actor e humorista Carlos Blanco, que ofrecerá un dos seus monólogos, antes da actuación musical de A Banda de Nash.
A xornada contará, a partir das 16,00 h. e ata o fin da xornada, previsto para as 19,30 h., con servizo de conciliación para os máis pequenos, con talleres recreativos, inchables e xogos varios.