Besteiro sinalou que este éxito é froito do esforzo conxunto dos socialistas, que sempre apostaron por políticas industriais sólidas e pola defensa dos intereses de Galicia
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, cualificou de excelente noticia para Vigo, para Galicia e para as traballadoras e traballadores da planta de Stellantis a recente adxudicación da plataforma eléctrica STLA Small para a fabricación de vehículos eléctricos do segmento B. Un logro, dixo, que asegura o futuro da factoría viguesa máis aló de 2030 e reforza o papel de Galicia na vangarda da innovación e da industria automobilística sustentable.
Besteiro destacou neste senso o papel do alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen mantivo un apoio constante á planta de Stellantis: “Este éxito é froito do esforzo conxunto dos socialistas, que sempre apostaron por políticas industriais sólidas e pola defensa dos intereses de Galicia”.
O secretario xeral do PSdeG explicou que o compromiso do Goberno central foi clave para que Stellantis recibise un total de 342,4 millóns de euros a través do PERTE VEC e do PERTE de Descarbonización, destinados á modernización das súas plantas en España.
Ademais, Besteiro lembrou a aprobación por parte do Goberno do plan que permitirá a construción dunha nova subestación eléctrica que dará servizo a Stellantis e que fará posible a súa conexión coa liña de moi alta tensión. Este proxecto, cun orzamento de 72 millóns de euros ata 2026, considerábase clave para a supervivencia e competitividade da fábrica de Balaídos, facilitando a implantación de novos proxectos industriais e eliminando as perdas de produción por cortes no subministro.
Desde o PSdeG, sinalou Gómez Besteiro, “reafirmamos o noso compromiso de seguir traballando a favor do progreso económico e social de Galicia, apoiando proxectos que impulsen a innovación, a sustentabilidade e o benestar de todos os galegos e galegas”.