Patricia Iglesias adianta que Besteiro desbloqueará a lei que regule o Estatuto Informativo e o Consello de informativos cando sexa presidente da Xunta
Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2024. A candidata nº1 do PSdeG pola provincia da Coruña, Patricia Iglesias, acudiu á concentración convocada pola Plataforma en Defensa da CRTVG diante da sede da Xunta de Galicia en San Caetano en protesta pola manipulación informativa nos medios públicos por parte do goberno de Alfonso Rueda.
A candidata do PSdeG acompañou este xoves aos profesionais da CRTVG “que levan mobilizándose contra a manipulación informativa do goberno do PP dende o 2018, xa van case 300 semanas de venres negros”, lamentou. “Nós non estamos dacordo cunha radio e televisión pública que estea ao servizo do PP, parece máis un gabinete de comunicación da Xunta de Galicia”, criticou que funcionen así en vez de como un servizo público e estar ao servizo das galegas e dos galegos”, engadiu.
Patricia Iglesias reprochou ao presidente da Xunta e candidato do PP que apenas dous días antes avogara por un xornalismo que fora garante da democracia, mentres ten aos medios públicos “ao seu servizo”. Así mesmo, refereriuse á rolda de prensa da secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, na que acusou aos partidos de esquerda de estar detrás dunha rede de “manipulación en redes sociais e uso de bots”. Lembrou que a realidade é que uns días despois “saíu toda a sociedade civil a protestar pola manipulación que fixeron coa crise dos pélets, propia dunha estratexia trumpista”.
“Claro que imos apoiar estas mobilizacións por unha televisión e unha radio pública que estea ao servizo dos galegos e das galegas, libres de manipulación, e sesgos políticos, proseguiu a candidata. Tamén reivindica que os socialistas “comprometémonos con medidas”, polo que adiantou que “cando Besteiro sexa presidente da Xunta despois do 18 de febreiro, imos desbloquear a lei que regule o Estatuto Informativo e un Consello de Informativos”. Recordou que o documento xa está realizado pero suspendida a súa tramitación “por un Consello de Administración en mans do Partido Popular”.
COMPROMISO CON MEDIDAS
“En definitiva todo o noso apoio a estas mobilizacións porque unha radio e unha tv públicas de calidade é unha garantía da democracia, e lembrarlle ao señor Rueda que o dereito á información pública é un dereito constitucional que se ten que respectar”, concluíu Iglesias.
Xunto a Patricia Iglesias, tamén acudiron algúns dos principais candidatos pola provincia da Coruña, como Julio Abalde (nº2), Aitor Bouza (nº4) ou Montserrat Gª Chavarría (nº5), así como distintos militantes do partido.