Membros da Executiva galega e de Xuventudes Socialistas participaron en Santiago nos actos conmemorativos do Día Internacional da Visibilidade Trans e reclaman á Xunta que asuma as súas responsabilidades
Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2025. Con motivo do Día Internacional da Visibilidade Trans, o PSdeG reafirmou o seu compromiso coa igualdade, a inclusión e a defensa dos dereitos das persoas trans. Membros da Executiva galega e de Xuventudes Socialistas participaron este domingo na movilización celebrada en Compostela, lembrando que a loita polos dereitos LGTBI forma parte do legado histórico do socialismo.
“O avance en dereitos forma parte da nosa identidade política. A Lei Trans e a Lei Zerolo, aprobadas polo Goberno de Pedro Sánchez, foron fitos históricos que fixeron posible que, en Galicia, preto de 800 persoas modificasen o seu sexo rexistral. Son pasos adiante para o recoñecemento legal, pero a igualdade real aínda está lonxe de ser unha realidade cotiá”, sinalaron desde o PSdeG.
Os socialistas galegos advirten de que as persoas trans seguen atopando trabas, discriminación e precariedade, polo que urxen a acelerar a implementación da Estratexia Estatal para a Igualdade de Trato e Non Discriminación das Persoas LGTBI, con máis de 300 medidas para garantir dereitos en ámbitos como o laboral, sanitario, educativo ou de vivenda.
“É imprescindible que en Galicia se actúe con responsabilidade. A Xunta non pode seguir de perfil: debe aplicar protocolos específicos en todas as administracións públicas e garantir a formación do persoal para asegurar un trato digno e sen prexuízos”, esixen.
Desde o PSdeG reivindican, unha vez máis, a visibilidade e os dereitos das persoas trans, lembrando que o socialismo sempre foi motor de avances sociais en España e seguirá sendo garante da igualdade.
“A nosa historia está ligada á conquista de dereitos e tamén estará presente na súa defensa”, sinalou Aitor Rodríguez Casanova, novo secretario de Políticas LGTBI do PSdeG. “Nun momento no que algúns cuestionan avances fundamentais, debemos ser claros: non imos permitir retrocesos nin silencios cómplices. Nin un paso atrás.”