Formoso asegura en Cedeira que, se as galegas e os galegos participan de xeito masivo, “gañará a única alternativa con capacidade de gobernar, a dos socialistas”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, chamou esta tarde “á remontada” dos socialistas na derradeira semana de campaña. “Fixémolo con Pedro Sánchez e farémolo en Galicia con Besteiro”, afirmou nun auditorio municipal no que deu por seguro que, se o 18 de febreiro hai unha participación elevada, “gañará as eleccións a única alternativa con capacidade de gobernar, a dos socialistas”. Formoso lembrou que nos días previos aos comicios é cando arredor do 40 % dos electores deciden a quen van dar o seu apoio, polo que a candidatura de José Ramón Gómez Besteiro encara esta recta final con total “confianza e ilusión”.
Besteiro xa foi o primeiro presidente socialista da Deputación de Lugo. “Está afeito a grandes retos”, lembrou Formoso antes de insistir en que o candidato socialista é a opción real para conformar un goberno de cambio. Por iso animou a encher as urnas de votos ao PSdeG, “rematar con 15 anos de desidia do PP” e abrir unha nova etapa para as galegas e aos galegos.
O tamén presidente da Deputación recordou a diferenza dunha Xunta que vive “na parálise”: o modelo socialista encárnao o Executivo central, que subiu as pensións e o salario mínimo en contra do criterio do PP, logrou o crecemento da economía e do emprego pese aos vaticinios dos populares, foi quen de mobilizar o maior volume de fondos europeos da historia e, ao tempo, despregou un escudo social para non deixar a ninguén atrás durante a pandemia.
Nunha comarca con especial peso da industria, como é a ferrolá, destacou tamén os investimentos do Goberno no naval, o sector que actúa como principal tractor da economía da zona. Así, enumerou a posta en marcha do programa de fragatas F-110, cun orzamento superior aos 4.000 millóns; a futura modernización das F-100, por 2.000 millóns; a construción da fábrica de bloques de Navantia, xa en marcha por máis de 50 millóns, ou o anuncio da construción dun buque de aprovisionamento en combate por máis de 400 millóns. A iso uniu, como exemplo, a recente designación das subestacións eléctricas de Meirama e As Pontes como nós de transición xusta, co que Galicia vai ser a segunda zona do país con maior potencia.
Ese compromiso, avanzou Valentín González Formoso, “vaise incrementar” con Besteiro á fronte da Xunta, entre outros motivos, pola súa capacidade de interlocución co Goberno do Estado, “para elevar o peso do sector industrial na economía galega ata o 20 % do PIB”.
O secretario xeral do PSdeG trasladou tamén compromisos de carácter social, como que un goberno presidido por José Ramón Gómez Besteiro rescatará a sanidade pública da crise “á que a conduciron os 15 anos de falta de xestión do PP”. Durante o mitin describiu unha situación marcada por unhas urxencias colapsadas, 200.000 galegas e galegos agardando unha primeira cita hospitalaria, 11.000 nenas e nenos sen pediatra, meses de espera para ver un especialista e para cirurxías, ademais dunhas listas totalmente opacas.
Fronte a iso, asegurou, “Besteiro vai establecer un prazo máximo de 48 horas para a cita co médico de familia, un servizo de saúde mental na atención primaria e pediatra para todas as nenas e todos os nenos de Galicia, sen importar en que concello vivan”. Ademais, mellorarase o sistema de transporte sanitario e os centros de saúde abrirán ao 100 %.
Xunto a Formoso, participaron no mitin a número 1 da candidatura pola Coruña, Patricia Iglesias; o número 2, Julio Abalde; a número 5, Montserrat García Chavarría, e o alcalde de Cedeira, Pablo Moreda.
Iglesias apelou ao voto feminino co aval das políticas feministas desenvolvidas polo PSOE alí onde tivo e ten responsabilidades de goberno. Mostrou a súa total confianza no proxecto de Besteiro como “a única forma de lograr unha Galicia mellor” fronte ás políticas do PP, que coñece ben, asegurou, debido á súa ampla experiencia na Administración autonómica. Como Formoso, chamou á mobilización o 18F, porque unha participación alta “garantirá o cambio na Xunta”.
Montserrat García Chavarría asegurou que o PP “só se preocupa dos intereses dos seus, dos poderosos”, e o BNG ten unha visión de Galicia “moi pequeniña”, polo que a única opción para o cambio é a dunha Xunta presidida por José Ramón Gómez Besteiro. “Ti que tes pai e nai maiores e que queres para eles coidados e atención de calidade… Ti que es novo e ves aos amigos marchar de Galicia ao rematar os estudos, non te resignes e vota ao PSdeG”, animou.
O alcalde de Cedeira lamentou que conseguir unha cita para falar coa Xunta é “igual de complicado” que para o centro de saúde. Criticou que a práctica totalidade dos problemas que padece o municipio teñen que ver coa xestión do Goberno de Rueda, como son a falta dun centro de día “que Cedeira reclama dende o 2019, cando se entregaron case 3.000 firmas”, a deficiente xestión da Capelada ou a absoluta ineficacia do transporte de viaxeiros. Por iso, demandou o apoio á candidatura de Besteiro, porque cun goberno socialista na Xunta o municipio “vai ter as solucións” que demanda, asegurou.