Lara Méndez advirte que a Xunta aprobou a Declaración de Impacto Ambiental en contra das directrices e preceptos da UE
A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, alertou hoxe fronte ao “interese desmedido” da Xunta por levar adiante a macrocelulosa de Altri en Palas de Rei en contra dos requisitos medioambientais, sociais e económicos. Méndez participou na concentración en contra do proxecto da multinacional portuguesa que tivo lugar hoxe en Arzúa, onde criticou o “escurantismo total” co que o goberno galego está a envolver o proxecto.
A responsable socialista sinalou a falla de información ofrecida polo goberno galego respecto deste proxecto “dende o minuto cero”, como demostra que o que ía ser unha planta téxtil “agora é unha macrocelulosa”. Ademais, engadiu, unha iniciativa industrial que orixinalmente suporía a creación de 2.500 postos de traballos “cada día baixa o número de ocupados” previstos ata apenas uns centos.
Apuntou que esta iniciativa incumpre os requisitos medioambientais, sociais e económicos, logo de que a Xunta dera o visto bo a unha Declaración de Impacto Ambiental -DIA- “chea de condicionantes” e que contradí as directrices e preceptos comunitarios, o que pon en dúbida que vai cumprir coas garantías medioambientais.
Lara Méndez sinalou ademais á “contestación social moi importante” que está a espertar este proxecto en toda Galicia, con numerosas concentracións multitudinarias en tódolos concellos afectados. Finalmente, advertiu que os 250 millóns de euros de axudas que require este proxecto supoñen o 25 por cento do total do proxecto, o que provoca dúbidas razoables sobre a súa viabilidade económica.
Méndez participou na concentración convocada pola Plataforma Ulloa Viva no concello de Arzúa xunto co secretario provincial do PSdeG da Coruña, Bernardo Fernández, e a segunda tenente de alcalde do concello, a socialista Begoña Balado. A continuación realizaron un percorrido polas casetas da 50 edición da Feira do Queixo de Arzúa.