Julio Torrado sinala que se triplicaron os casos na poboación máis moza, polo que tamén reclaman a creación dunha unidade de hospitalización infanto-xuvenil en cada área sanitaria
O voceiro de sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, advertiu este mércores á Xunta de que actualmente “o dereito á saúde mental non está garantido” debido ao dilatado tempo de espera de ata catro meses para ter unha primeira cita co especialista, polo que presentou unha iniciativa parlamentaria na que reclaman aumentar o investimento na contratación de profesionais.
Presentou iniciativas que defenderán os socialistas no relativo á saúde mental, especialmente no rango de idade infanto-xuvenil, xa que neste grupo agravouse de maneira moi “preocupante” o número de estas afectacións, segundo datos da OMS un de cada sete menores ten un problema de saúde mental, e Save The Children apunta a que os casos infanto xuvenís triplicáronse trala pandemia en España.
No relativo a Galicia, Torrado apuntou a que “temos a peor saúde mental autopercibida de España”, xa que o 40% dos homes e o 50% das mulleres galegas afirman que sufriron algún problema de saúde mental. Na actualidade hai unha media de catro meses de espera para obter unha primeira cita en saúde mental no sistema sanitario público galego, polo que denuncia claramente que “non está garantido o dereito á ser asistido”.
Antes esta situación, o deputado reivindicou algunhas melloras presentadas polo grupo socialista e que saíron adiante co voto favorable do PP, pero que non foron aplicadas a pesar de pasar xa dous anos do trámite parlamentario.
Julio Torrado, tamén docente universitario de Psicoloxía, subliñou que as mesmas buscan solucionar a principal causa da falta asistencial, que é a insuficiencia dos recursos humanos, xa que Galicia ten a peor ratio de España en profesionais de Psiquiatría, Psicoloxía Clínica e Enfermaría de Saúde Mental. A medida socialista que xa foi aprobada e incumprida polo goberno galego, polo que volve a ser incluída nesta iniciativa, pedía elevar a contratación ata chegar á media do Estado nun período de tres anos.
Do mesmo xeito, para garantir a cobertura destas prazas no futuro, volverán a reclamar que se convoquen todas as prazas de formación especializada nestes tres ámbitos ata acadar a equiparación coa media de profesionais do resto de España. Esta situación non se da na actualidade, xa que no último ano non se convocaron todas as prazas destas tres especializades, “a pesar do que lle gusta falar ao goberno galego dos MIR”, recordou Torrado.
Esta falta de profesionais leva a que na comunidade autónoma galega haxa unha lista de agarda de arredor de catro meses para unha primeira cita co especialista en saúde mental. Isto levou a Torrado a afirmar que “o dereito á saúde mental non está garantido no sistema sanitario público galego” e que “non podemos permitir vivir nun país no que as persoas non teñan dereito a ser asistido ante un problema que ten datos arrepiantes”, alegou.
UNIDADE INFANTO-XUVENIL EN CADA ÁREA SANITARIA
A iniciativa socialista que presentou Julio Torrado tamén defende a creación dunha unidade para nenos e mozos en cada área sanitaria. Remarcou que “salvo en Santiago, non existen localizacións nos hospitais infanto-xuvenís para episodios agudos de saúde mental”, obrigándolles a estar hospitalizados nun área xenérica ou con adultos, cando “todos os profesionais coinciden en que isto non é nada produtivo nin positivo”.
O socialista resaltou que non é un investimento especialmente elevado, xa que a propia Xunta cifrou en 70.000 euros a demandada unidade para o sur de Galicia que se levaría a cabo no Hospital Álvaro Cunqueiro.
Outras medidas que inclúe a iniciativa son axilizar o proceso de dixitalización e optimización de recursos materiais nas unidades de pediatría e saúde mental para mellorar a operatividade e a confidencialidade, ou tamén a constitución dun grupo específico de traballo sobre suicidios en idades infanto-xuvenís, centrado especialmente na prevención e que conte cos recursos suficientes para ter o maior impacto posible.
A preguntas dos xornalistas sobre a folga do vindeiro 11 de abril que convocaron os sindicatos médicos, o voceiro socialista de sanidade manifestou que o seu partido comparte gran parte das súas reivindicación sobre os problemas do sistema sanitario público, pero engadiu que están preto dun período de eleccións sindicais e que hai outras reivindicacións concretas, en específico no relativo á compatibilidade coa sanidade privada, que non cre que sexa o que solucione os problemas do sistema público.