José Manuel Lage apunta a Rueda de Valenzuela como responsable da desaparición da institución mentres está “máis preocupado por herdar a leiriña”
Simboliza a “ausencia de goberno” en Galicia sinalando que “Feijóo xa se foi, Rueda non chegou e en Galicia non hai quen dea conta do recado”
O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage, sinalou hoxe ao conselleiro de Presidencia, Rueda de Valenzuela, como responsable de “perder o legado patrimonial” da Casa de Galicia en Montevideo. Denunciou que estea “centrado en ver se herda a leiriña, e completamente ausente dos asuntos da máxima relevancia”, como o peche desta institución.
Aludiu así á preocupación do conselleiro por situarse como sucesor de Feijóo mentres desatende a función de goberno. A conclusión, explicou, é que “primeiro perderon a Casa de Galicia de Buenos Aires, e agora 105 anos de patrimonio, de legado cultural dos galegos e galegas en Uruguai, a cuarta comunidade galega no mundo, tíranse, abandónanse e non se fai absolutamente nada por preservar o seu patrimonio”.
Aludiu á batería de iniciativas que o PSdeG ten presentado no Parlamento de Galicia, para que respondan “con urxencia” e “dean explicacións e, se é necesario, asuman as responsabilidades correspondentes”. Sinalou que precisamente este feito simboliza o “fin de etapa” que vive o PP galego, por canto “ninguén imaxina que un goberno de Fraga ou Touriño deixaran morrer un legado cultural como o que tiñamos en Uruguai”.
José Manuel Lage resumiu que “Feijóo foise, Rueda non chegou e Galicia non ten quen dea conta do recado”, cun goberno galego que “adiantou a Semana Santa”, aludindo a un venres sen actividade no goberno galego. Sinalou que “Galicia hoxe non ten goberno”, nun venres practicamente en branco, cunha Xunta á que “tragou a terra, non hai actividade algunha” en plena crise.
Fraude electoral
O responsable socialista elevou o ton para acusar a Feijóo de perpetrar unha “fraude electoral clara, un engano masivo aos galegos e ás galegas cando dixera que o seu compromiso era con Galicia”. Esta sucesión “nos despachos”, dixo, “será legal, pero carecerá de lexitimidade totalmente, porque fai ano e medio os galegos e as galegas votamos, pero ninguén votou a Rueda para ser presidente da Xunta”.
Puntualizou que “teñen un problema” para escoller a un sucesor “por descarte”, apuntando a que logo de 12 anos a Rueda de Valenzuela “coñéceo menos da metade da poboación”, mentres ao reto dos conselleiros “non se sabe nin quen son”.
A consecuencia é que as consellerías permanecen “pechadas” cos seus titulares “nun vía crucis particular, porque non saben se van continuar ou non, mentres outros están pendentes do dedazo e dun despacho no que se van xuntar 4 ou 5 persoas para decidir por tódolos galegos e galegas” ao próximo presidente da Xunta.
Anuncios publicitarios
Censurou que precisamente en plena crise provocada pola invasión de Ucraína por parte de Putin, o único polo que se preocuparon nestas datas é de “utilizar á Xunta para facerlle oposición ao goberno de España”. Mentres, “vemos anuncios publicitarios, pero ningunha decisión” en favor dos galegos e das galegas, cando “hai asuntos que non agardan a que se fagan as partillas” da herdanza de Feijóo.
Criticou o “anómalo” da decisión de Feijóo de incumprir coa mínima “cortesía política” de responderlle á petición de entrevista enviada polo secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, que “ofreceu un pacto político para a recuperación económica e social con medidas concretas”. “Non houbo resposta -dixo- porque Feijóo está máis pendente de Génova e da súa entente con Vox e Abascal”.