A viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista Elena Espinosa denuncia que os concellos galegos están asumindo funcións sen financiamento polo desleixo da Xunta e que isto repercute negativamente na veciñanza
O Grupo Parlamentario Socialista denunciou hoxe a falta de apoio da Xunta aos concellos galegos tras coñecerse o informe do Consello de Contas sobre a Conta Xeral das Entidades Locais correspondente ao ano 2023, que sitúa a Galicia como a comunidade co peor índice de execución do orzamento de ingresos locais de todo o Estado.
A deputada Elena Espinosa advertiu de que “o informe confirma punto por punto o que levamos anos denunciando: a Xunta non executa, non xestiona e obriga aos concellos a cubrir servizos sen financiamento”. Así o reflicte o último informe do Consello de Contas, que sitúa a Galicia á cola do Estado en execución orzamentaria por parte das entidades locais, cunha media do 66,57 %.
Sinalou que as deputacións e as entidades locais menores presentan os peores rexistros, con taxas de execución do 51,88 % e do 57,06 %, respectivamente, mentres que os concellos de entre 10.001 e 20.000 habitantes e as mancomunidades amosan unha maior capacidade de xestión, superando o 76 %.
Ademais, o documento alerta da elevada dependencia das subvencións, que representa o 23,18 % dos ingresos locais e chega ao 47,33 % nos municipios máis pequenos. A isto súmase a escasa autonomía fiscal das entidades locais galegas -Galicia sitúase no posto 12 de 15- e un dos peores datos do Estado en canto ao período medio de cobro.
“Estamos ante un modelo de financiamento local profundamente inxusto, no que a Xunta non exerce as súas competencias e deixa que os concellos asuman funcións que non lles corresponden, sen ningunha partida específica”, lamentou a socialista.
Ademais, o informe constata que os concellos están soportando cada vez máis presión competencial, especialmente no ámbito dos servizos sociais, cun gasto por habitante que alcanza os 206 euros, por riba da media estatal. “Ese esforzo é dos concellos, non da Xunta, que continúa sen transferir recursos nin asumir responsabilidades”, afirmou a portavoz do Grupo socialista na Comisión do Consello de Contas.
Espinosa insistiu en que “a baixa execución orzamentaria non é só un dato técnico: é a proba de que o Goberno de Rueda falla no esencial, que é garantir a autonomía e a viabilidade dos concellos”. E concluíu reclamando “un cambio de rumbo inmediato e un novo marco de financiamento local que acabe co abandono institucional ao que o PP somete aos gobernos municipais”.