Dirixentes e cargos públicos do PSdeG manifestaron hoxe a súa “sincera e fonda preocupación” polo que consideran unha “grave declaración de intencións” por parte de Alfonso Rueda no que atangue á política de igualdade da Xunta. Criticaron, ademais, que a conformación do novo Goberno galego implica unha degradación da área, que pasa do rango de secretaría xeral a só dirección xeral, e a segregación da loita contra a violencia de xénero, polo que se reproduce en Galicia “a deriva doutras comunidades nas que o PP goberna con Vox”.
Así o denunciaron a presidenta do PSdeG, Carmela Silva, e a secretaria de Igualdade, Silvia Fraga, nunha comparecencia na que as acompañaron as parlamentarias autonómicas Paloma Castro e Lara Méndez; as deputadas provinciais Mar García (A Coruña, Ana Laura Iglesias (Pontevedra) e Marina Ramudo (Lugo), e a voceira socialista no Concello de Oleiros, Carmen Acuña.
Silva lembrou que o ano pasado foron asasinadas 58 mulleres e que no que vai de 2024 xa van 10, ademais de 7 menores vítimas de violencia vicaria. Iso, dixo, debe facer reflexionar sobre que a igualdade e a loita contra a violencia de xénero “deben estar no centro de todas as políticas”. Pero a decisión de Rueda “amosa xustamente o contrario”, afirmou. “A lei di que a violencia é o símbolo máis brutal da desigualdade, así que non se pode desvincular a loita pola igualdade das violencias machistas. É algo absolutamente superado polo consenso político e tamén nas leis, pero Rueda está rachando co espírito desas leis e sumándose ao negacionismo”, criticou a presidenta do PSdeG.
Fraga reprobou a “deriva que empezou con Feijoo suprimindo o Servizo Galego de Igualdade no ano 2010 e que acaba de culminala o señor Rueda, retrocedendo máis de dúas décadas” na concepción das políticas de igualdade, cara un modelo “asistencialista”, co que sofren “unha grave degradación”.
A proposta das socialistas é a recuperación dunha Consellería de Igualdade que atenda de xeito integral cuestións que afectan directamente ao 51 % da cidadanía. En calquera caso, defenden que esa competencia dependa directamente da Presidencia debido á súa transversalidade.
Outro dos puntos sobre o que incidiron ambas dirixentes foi a reintegración no grupo municipal do PP da Illa dun concelleiro condenado por violencia de xénero, algo que o propio Alfonso Rueda se comprometera a evitar. Agora, o PP, lembraron, rehabilítao alegando que a agresión á súa parella fora “un erro”.
Tamén censuraron as palabras do novo director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, que identificou as súas competencias como “un problema de saúde pública”. Nese senso, sinalaron o perigo de desviar do foco a verdadeira orixe da lacra, que é o machismo.
Ante esa deriva das políticas de igualdade por parte do Goberno de Alfonso Rueda, que se sostén nunha maioría absoluta no Parlamento e, recordou Fraga, “non se pode agochar na ultradereita de Vox”, o PSdeG vén de presentar iniciativas na Cámara galega co fin de reclamar a restitución do rango do departamento, unhas iniciativas que se trasladarán tamén ás deputacións e aos concellos, anunciou.