Carmela Silva acusa ao presidente da Xunta de atacar á vítima e “defender ao que agrede” e esíxelle o cese inmediato do concelleiro agresor e “pedir desculpas” á concelleira socialista “e a tódalas galegas e galegos”
Iria Malvido considera “intolerable” a reposta do presidente da Xunta diante dunha agresión no concello que “non foi un caso illado” e repítese dende a conformación do goberno de coalición
A presidenta do PSdeG, Carmela Silva, acusou hoxe a Rueda de “liderar” o “maltrato institucional” contra a tenente de alcalde de Cangas, Iria Malvido, logo da actitude agresiva amosada contra ela por un concelleiro do PP no último Pleno do Concello. Silva e unha ampla representación institucional e orgánica de mulleres socialistas acompañaron hoxe a Malvido para “poñer nome e rostro de muller e dicir que estamos fartas da violencia”.
Silva acusou a Rueda de situarse “en contra da vítima e defender ao que agrede” coa súa resposta de onte, que causa “estupefacción” por canto “normaliza a agresividade e fomenta a impunidade”. Advertiu que “da agresividade verbal total que estamos vivindo por parte do PP e Vox é moi fácil dar o paso á violencia física” e reclamou poñerlle freo a esta deriva.
Emprazou ao presidente do PPdeG a que cese e expulse do partido “de forma inmediata” ao concelleiro Gestido pola súa actitude “agresiva e violenta de palabra e de feito” logo de cruzar todo o salón de plenos para dirixirse contra a concelleira socialista, algo que “viu toda España” agás Alfonso Rueda. Esixiulle ademais que lle pida desculpas a Malvido “e a tódalas galegas e galegos por considera que alí non pasou nada, claro que pasou algo”.
A tamén senadora socialista comparou o feito do Pleno de Cangas coa recente agresión do concelleiro de Vox Ortega Smith contra un concelleiro da oposición en Madrid, “coa mesma actitude”. Amosou a súa sorpresa por que o alcalde de Madrid “a quen non defenderei nunca” pedira a acta de Ortega, algo que non sucede en Galicia, onde Rueda opta polo “negacionismo da agresividade”.
Alertou que “da agresividade verbal total que estamos vivindo por parte do PP e de Vox é moi fácil dar o paso á violencia física”, e advertiu que “as mulleres do PSdeG non imos soportar unha soa agresión e forma de violencia máis, en ningunha institución”. Así concluíu a presidenta do PSdeG, Carmela Silva, a comparecencia xunto coa tenente de alcalde de Cangas agredida por un concelleiro do PP.
A vicesecretaria xeral do PSdeG, Lara Méndez, acusou ao PP de “asumir os roles da estrema dereita”, abrazando o negacionismo e agora asumindo en primeira persoa unha “actitude inaceptable”. Dixo que actos como o do Pleno de Cangas “non poden quedar no esquecemento” e por iso “sumamos as voces femininas e masculinas do partido, xunto con toda a sociedade” para esixirlle ao presidente da Xunta que tome medidas.
Considera “inaceptable” a actitude do PP e sinaladamente de Rueda, que “lonxe de condenar e pedir a dimisión inminente” xustifica esta actitude agresiva e “culpabiliza á vítima”. Reclamou que “volva ao sendeiro do diálogo, do consenso e do debate de ideas”, e lembrou que os representantes institucionais “estamos para trasladar as necesidades da cidadanía ás institucións” e mellorar a súa calidade de vida.
Esixiulle que “non deixe pasar” esta afronta coa que “está mermando a nosa capacidade de representar á veciñanza e a nosa nosa dignidade como mulleres e como persoas”. Dixo que “é máis necesario que nunca alzar a voz en clave feminista e igualitaria” contra estas actitudes.
Malvido
A tenente de alcalde de Cangas, Iria Malvido, cualificou de “intolerable” o comportamento de Rueda logo de que un representante do PP “se levantara do seu asento para vir atacarme ao meu espazo”. Advertiu que “non foi un caso illado”, que forma parte dunha actitude reiterada dende que foi conformado o goberno de esquerdas “porque non soportan non ter acadado a alcaldía”.
Denunciou as continuas “vexacións e faltas de respecto” durante as intervencións das representantes dos partidos de goberno, mesmo “faltando ás nosas capacidades intelectuais e persoais”, e facendo “xestos obscenos” aproveitando que só se grava á persoa que ten o micro aberto.
Isto foi o que sucedeu no último Pleno, polo que, explicou, decidiu gravar co móbil para que quedara constancia da súa actitude, pero “abalánzase sobre min para di que quitarme o móbil”. Advertiu que, vista a actitude que tomou o concelleiro Gestido, “grazas que as compañeiras me defenderon, ou falariamos doutro tipo de acto”.
Hoxe acompañaron en Santiago a secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga, a viceportavoz do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, e as deputadas Noa Díaz, Marina Ortega, Paloma Castro e Carmen Dacosta, a alcaldesa de Betanzos e secretaria de Política Institucional, María Barral, a deputada no Congreso, Obdulia Taboadela, a tenente de alcalde de Vigo, Elena Espinosa, e a concelleira de Igualdade de Vigo e deputada provincial Ana Laura Iglesias.