Mayra García sinala que a Xunta ten repartido 590 millóns de euros en subvencións e axudas directas no que vai de mes, 90 millóns só na última semana
A candidata socialista por Lugo Mayra García acusou hoxe ao candidato do PP de “fuxir dos debates” electorais para evitar dar conta das peores prácticas do seu goberno nas últimas horas antes da campaña e do relevo no goberno que vai liderar o candidato socialista, José Ramón Gómez Besteiro. García sinalou que o goberno galego segue a empregar o DOG con descarados fins electoralistas, repartindo 590 millóns de euros a dedo no que vai de xaneiro.
Acusou ao goberno galego de “apurar o baleirado das contas públicas” ata o último minuto. Sinalou que dende o pasado mércores, cando xa sumaban 500 millóns de euros, veñen de aumentar as contías en subvencións e axudas directas ata os 590 millóns de euros “de tódolos galegos e galegas que son empregados polo interese electoral do PP”.
García lamentou que a realidade teña dado a razón aos socialistas galegos, que a semana pasada alertaban de que esta práctica ía continuar, e sinalou que só hoxe teñen publicado axudas por 33 millóns de euros máis. Engadiu que “estas cifras son moi superiores ás de calquera inicio de ano”, o que evidencia “a súa intención clientelar e electoralista” ata o punto de que “nin tan sequera podemos saber se as subvencións vanse levar a termo”.
A responsable socialista esixiulle á Xunta que rematen nesta práctica “partidista” coa que queren “espoliar o diñeiro de tódolos galegos e galegas” nun “intento desesperado por adulterar o resultado electoral”. Urxiu á muda no goberno galego para que un novo Executivo liderado por José Ramón Gómez Besteiro desterre estas prácticas coas que están a hipotecar aos galegos e ás galegas.
Advertiu que estas “malas prácticas” cos cartos públicos coinciden co comportamento irregular do PP e do goberno na precampaña, que ten suposto varias reprimendas dende a Xunta Electoral con sucesivas denuncias impostas dende o PSdeG resoltas en contra do PP, a última delas por empregar os lemas e os logos institucionais para confundir deliberadamente ao electorado.