Lage Tuñas agradece a “xenerosidade” de todo partido para lanzar a Francisco Rodríguez como candidato en Ourense para que a cidades poida “saír do pozo no que está metida”
O secretario de Organización do PSdeG-PSOE, José Manuel Lage Tuñas, anunciou hoxe a apertura do proceso de elaboración das candidaturas municipais coas que o partido se fixa o obxectivo de gobernar a máis da metade da poboación de Galicia. Lage tamén puxo en valor “a xenerosidade” amosada por todas as partes para que Francisco Rodríguez sexa de novo aspirante á alcaldía de Ourense, e sinalou que é a garantía para a cidade “sexa capaz de saír do pozo” no que está metida.
Lage aludiu ao PSdeG como “o partido que mellor xestiona os concellos galegos”, dende as 110 alcaldías e as tres presidencias das deputacións que ostenta gobernando para case que o 55% da poboación galega. “Somos conscientes de que estamos nun momento diferente ao 2019”, dixo sobre as anteriores municipais, pero remarcou que o compromiso dos socialistas é seguir gobernando dende os concellos a máis da metade dos galegos e galegos.
Nunha rolda de prensa ofrecida na sede central do PSdeG, Lage Tuñas tamén puxo en valor a recuperación para a primeira liña de Francisco Rodríguez, a quen aludiu como “o mellor alcalde de Ourense dos últimos 20 anos”, así como un “gran referente para a xente progresista” da cidade das Burgas e o único que reúne as cualidades para que a cidades “mire cara adiante e sexa capaz de saír do pozo” no que estivo metida nos últimos mandatos.
“Apostamos por Paco Rodríguez porque entendíamos que era a mellor resposta á permanente demanda de todos os sectores económicos e sociais de Ourense”, engadiu Lage, que agradeceu que o propio candidatura renunciara “á súa cómoda posición persoal” para poñer por diante os intereses da cidade, do mesmo tempo que aplaudiu “a xenerosidade” amosada pola dirección local do partido, así como pola provincial, para poñerse todos a disposición dunha candidatura competitiva.
ACTO DE “REPARACIÓN”
O responsable de Organización lembrou que Francisco Rodríguez “foi sometido a unha inxustiza”, coa persecución dun procedemento xudicial agora arquivado, e sinalou que a súa figura e a súa honorabilidade “debe ser reparada”. E a súa elección como candidato en Ourense “é o primeiro acto de reparación”, subliñou Lage.
Agregou Lage que que Francisco Rodríguez foi sometido “á arbitrariedade, á persecución e á inxustiza” durante unha década, e iso “non vai contar co silencio do PSdeG”. “Ningunha persoa, por moi xuíz que sexa, se pode consentir que actúe como o fixo a xuíza Pilar de Lara”, dixo Lage, no caso do exalcalde de Ourense e tamén do de Lugo, Xosé López Orozco. A actuación da xuíza instrutora en ambos casos foi “absolutamente impresentable”, remarcou, e advertiu que o PSdeG non vai consentir que se intente “denigrar, perseguir ou apartar da vida pública a persoas coma Paco Rodríguez ou coma Orozco sen presentar ningunha proba”.
Coa designación de Rodríguez como candidato en Ourense, o PSdeG demostra que “pon por riba os intereses xerais” do partido e da cidadanía ourensá fronte “calquera aspiración lexítima” que puideran ter outros aspirantes á alcaldía. O PSdeG traballa así, insistiu Lage, para confeccionar as mellores listas, para ratificar antes do 15 de xaneiro a todos os candidatos nas localidades de máis de 20.000 habitantes e para ratificar o resto antes do 25 de marzo.
NORMAS DO PARTIDO
A preguntas dos xornalistas, o responsable de Organización evitou pronunciarse sobre a incoación dun expediente disciplinario contra un deputado autonómico, e limitouse a dicir que “ninguén está por riba das noras do partido”.
Apuntou Lage Tuñas que os militantes do PSdeG elixiron nun proceso de primarias a un secretario xeral, que conformou un equipo de dirección no correspondente congreso. Polo tanto, o que toca é “respectar a decisión da militancia”, e insistiu en que “ninguén está por riba das normas do partido”.