Begoña Rodríguez Rumbo acusa ao PP de terlle “tomado a dianteira” á ultradereita “axitando as calles en contra da vontade popular, da democracia e dos resultados electorais”
A viceportavoz do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, anunciou hoxe que o presidente da Xunta terá que responder da falla de medidas efectivas a favor da Igualdade por parte do seu goberno na próxima sesión de control no Parlamento. Rodríguez Rumbo explicou que a celebración do 25N, Día da non violencia contra as mulleres, marcará boa parte das iniciativas do Grupo Socialista no Pleno da próxima semana.
Ademais da sesión de control ao presidente da Xunta, centrada na igualdade e a prevención da violencia machista, os socialistas galegos presentarán unha proposición non de Lei para esixirlle á Xunta que cumpra coa Lei de Liberdade Sexual “en materia de educación afectivo – sexual e do uso axeitado das novas tecnoloxías para avanzar na erradicación da violencia sexual”.
Rodríguez Rumbo aludiu á última memoria do TSXG, que alerta dun incremento do 12 por cento nas denuncias de violencia machista en 2022, e sinala que o 65,6 por cento das denunciantes son menores de idade. Ademais, de acordo cos datos do Ministerio do Interior, os delitos contra a liberdade sexual teñen aumentado un 30 por cento no primeiro trimestre deste mesmo ano.
Os socialistas galegos reclamarán ademais unha campaña “de grande alcance” dirixida sobre todo á mocidade sobre o perigo do consumo de contidos dixitais pornográficos baseados na violencia sexual contra as mulleres. Tamén presentarán unha pregunta oral para que o conselleiro de Sanidade explique como vai atender ás interrupcións voluntarias do embarazo de menos de 14 semanas logo de que o concurso do Sergas para privatizar o servizo quedara deserto.
Rodríguez Rumbo anunciou que o próximo Pleno do Parlamento incluirá unha moción do Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta que garanta o cumprimento dos contratos de transporte de viaxeiros por estrada “para garantir o normal funcionamento do curso escolar e a conciliación das familias”. Dixo que a Xunta debe de estudar as eivas do mapa de rutas de transporte escolar e habilitar os novos itinerarios que sexan necesarios.
Tamén presentarán unha moción para reclamarlle á Xunta que incremente a dotación de persoal nos servizos de Saúde Mental no Sergas ata equiparar Galicia coa media estatal, poñendo en marcha unha unidade de hospitalización infanto – xuvenil en cada área sanitaria. Pedirán fortalecer a coordinación entre os servizos sanitarios e o sistema educativo para mellorar a prevención, ademais de centros dispersos para facilitar o internamento de crónicos que o precisen.
O próximo Pleno do Parlamento incluirá unha proposición non de Lei para pedirlle á Xunta que abra unha liña de axudas diante da “situación crítica” dos soutos de produción de castaña de Galicia por sexto ano consecutivo con colleitas “catastróficas”. Incluirán ademais unha interpelación para reclamarlle á Xunta que desenvolva un Plan específico para favorecer a emancipación dos mozos e mozas.
Ademais, incluirán unha pregunta oral pola modificación do Consello Agrario de Galicia a través da Lei de Acompañamento aos Orzamentos para reducir o número de vogais elixidos por sufraxio e forzar así a entrada dos representantes da antiga Asaja. Finalmente, preguntaranlle ao goberno galego polos prazos previstos para o remate da VAC Costa Norte, unha promesa feita en 2001 cando Xosé Cuíña era conselleiro e aínda hoxe segue sen rematar.
Adiantar á ultradereita
A responsable socialista trasladou hoxe a súa preocupación pola deriva do ex presidente da Xunta, Núñez Feijóo, que se ten convertido nun dos “máximos axitadores” ata o punto de “tomarlle a dianteira á ultradereita” á hora de “axitar as calles en contra da vontade popular e da democracia” na súa estratexia de protesta que en realidade agocha o cuestionamento dos os resultados electorais das pasadas eleccións do 23 de xullo.