Leticia Gallego alerta de que o sector do comercio “está na UCI” e denuncia que o goberno de Feijóo “está desaparecido no peor momento para Galicia”
O PP de Galicia vén de negar un plan de axudas directas extraordinarias para o pequeno comercio co obxectivo de compensar a suba do prezo da enerxía e a falla de materias primas que sufriu o sector debido á crise económica derivada da guerra de Ucraína.
Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento, tras votar en contra dunha proposición non de lei impulsada polo Grupo Socialista para urxir ao goberno galego un paquete de medidas neste sentido. A iniciativa, defendida pola voceira de Comercio do PSdeG na Cámara galega, foi apoiada polo BNG.
“O sector leva moitos anos con serias dificultades, baixo a competencia das grandes cadeas e dos xigantes do comercio electrónico; non hai relevo xeracional; o gran problema do despoboamento da nosa terra acelera o peche dos pequenos negocios no rural; a crise da COVID; e agora, a crise económica provocada pola guerra en Ucraína”, alertou a dirixente socialista.
Neste marco, Gallego sinalou que no ano 2021 pecharon 672 pequenos comercios, sendo este “o sector onde máis negocios pecharon despois da hostalaría”. Unha crise que, incidiu, “afecta directamente ao gran problema do despoboamento da nosa terra que acelera o peche dos pequenos negocios no rural”, xa que “se no rural non temos servizos, non temos comercio, non temos empregos; no teremos poboación”.
“O sector do comercio está na UCI”, subliñou a socialista, quen denunciou a falla de políticas para o sector por parte da Xunta que, ata momento, só realizou “meros parches”. “Como pode ser que en máis 13.117 millóns de orzamento que ten a Xunta para o exercicio 2022 non se incremente a partida de comercio?”, cuestionou a socialista.
“O executivo de Feijóo está desaparecido no peor momento para Galicia”, censurou a socialista. “Temos un goberno galego que non está actuando, non está facendo nada, só anuncios como é costume e, como tamén é costume e tradición, o único que fai é criticar ao goberno de Pedro Sánchez”, concluíu Gallego.
A XUNTA DEBE ACTUAR “CON CONTUDENCIA E FIRMEZA” E “FACELO XA”
Con todo isto, Gallego instou á Xunta a elaborar un plan de axudas dotado de “partidas orzamentarias suficientes para o seu rescate” e campañas “para que a veciñanza merque no comercio rural”.
“O goberno autonómico ten que pór en marcha inmediatamente un plan de medidas fronte á crise económica derivada da guerra de Ucraína”, reivindicou a socialista, quen incidiu na necesidade de actuar “con contundencia e firmeza e facelo xa” ante unha situación de “extrema gravidade”.