Lara Méndez lamenta o “papelón” do PP e esíxelles que expliquen en Monforte por que apoian alá a proposta para rexeitala dous meses despois na Cámara autonómica
A viceportavoz do Grupo Socialista Lara Méndez afeoulle ao PP que votaran hoxe no Parlamento en contra de pedirlle á Xunta que repare as rúas Morín e Chantada, de dúas vías autonómicas en Monforte de Lemos, tan só dous meses despois de apoiala no Concello. Méndez presentou na Comisión de Obras Públicas unha iniciativa “exactamente igual” á que aprobou o Pleno do Concello o pasado 29 de abril.
A responsable socialista advertiu o “papelón” do PP local para explicar esta “contradición” co cambio do sentido do voto na Cámara autonómica para poñerse en contra dunhas obras que son “un clamor” para a humanización da vía e para garantir a seguridade da cidadanía de Monforte de Lemos, que é a segunda cidade de Lugo e cabeceira de comarca.
Sinalou que a resposta da Xunta con esta actuación resulta “decepcionante e preocupante”, xa que “se vai limitar a parchear e non lle vai dar unha solución duradeira no tempo” e anticipou que “en breve volveremos estar na mesma situación”.
Afeoulle ao goberno galego que ao tempo que amosa a máxima esixencia coas demais administracións, mantense “ausente das súas propias competencias” como sucede en Monforte. Puxo tamén como exemplos a falla de actuacións do goberno galego na reparación da LU – 651 do Caurel ou na LU – 710 de Baralla, que foi licitada antes das eleccións, pero que “semella que van estar 4 anos estirando o chicle ata a próxima convocatoria electoral.