“Son vostedes un partido antisistema ou son prevaricadores?”. Así resumiu o portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, a falla de compromiso do goberno galego co medio ambiente, que os leva a incumprir de “forma reiterada e a sabendas” a norma autonómica que hai 13 anos obriga ao goberno galego a elaborar un inventario dos humidais de Galicia que permita facilitar a súa protección, nun debate que tivo lugar hoxe no Parlamento.
O responsable socialista criticou que o PP votara en contra dunha proposición non de Lei presentada polos socialistas na Comisión de Medio Ambiente de hoxe na que precisamente lles pedía cumprir cunha norma autonómica vixente, o decreto 127/2008, que desenvolve o réxime xurídico dos humidais protexidos de Galicia. Arangüena considera “inexplicable” que logo de 13 anos en vigor da dita norma, o dito inventario aínda non exista.
Acusou ao goberno galego de “traballar á contra” da protección do medio ambiente, que “só lles preocupa co único interese de facerse unha foto bonita”, como fai a conselleira do ramo cada 1 de febreiro, Día Internacional dos Humidais, mentres incumpre alegremente a normativa. O responsable socialista tamén lle pedía ao goberno galego un Plan de Conservación dos Humidais de Galicia, pero este apartado tampouco foi aceptado polo PP.
Dixo que o Executivo autonómico está a despregar unha “política tóxica mentres mantén a Galicia á cola de España en materia medioambiental”, como evidencia que sexa a autonomía coa menor superficie incorporada á Rede Natura. O certo é que ata o momento “non existe unha política de protección dos humidais galegos”, mentres “sen ese inventario a Xunta non pode ter constancia da existencia, características e valor dos humidais galegos”.
Pablo Arangüena lembrou que o propio delegado da Xunta en Ourense cifrara xa en 2013 que Galicia contaba con 70.000 hectáreas de humidais, e anunciaba entón que a súa protección era inminente, en liña coa ampliación da Rede Natura, que nunca chegou a producirse e segue pendente 8 anos despois”.
Explicou que os humidais son ecosistemas de moi elevado valor ecolóxico, que prestan o 40 por cento dos servizos ecosistémicos totais, actúan como soporte de importante biodiversidade e contribúen decisivamente á loita contra o cambio climático.
Ademais, engadiu, resultan esenciais para frear riadas e inundacións en épocas de crecida de caudais, crean chan, estabilizan as costas, controlan a erosión e recargan e purifican acuíferos e augas subterráneas, ademais de que as turbeiras e humidais arborados son importantes sumideiros de carbono.