Patricia Otero reclámalle á Xunta que amplíe a medida coincidindo coa prórroga da gratuidade do tren
A portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Patricia Otero, lamentou hoxe a negativa do PP a manter a bonificación do billete do bus interurbano durante 2023. A responsable socialista presentou esta iniciativa na Comisión de Ordenación Territorial do Parlamento, onde o PP votou en contra desta iniciativa que lle reclamaba ao goberno galego manter a axuda ao billete para tódolos galegos e galegas.
A responsable socialista presentou esta iniciativa para reclamarlle á Xunta que manteña a axuda coincidindo coa decisión do goberno central de prorrogar a gratuidade do billete do tren durante o próximo ano. Sen embargo, o PP negouse a adiar a bonificación dos transportes competencia da Xunta, que está a dispoñer do 20 por cento da rebaixa, mentres o goberno central aporta o outro 30 por cento, malia que a Xunta, explicou, diga que sufragan “integramente” a axuda.
Otero reclamáralle á Xunta que amosara a “mesma sensibilidade” que está a demostrar o goberno central coa conxuntura económica de suba desorbitada dos prezos do combustible derivada da invasión de Ucraína por parte de Rusia. Apuntou que se trata dun “bo xeito de axudar á cidadanía galega” incidindo nos prezos de transporte interurbano, o transporte da ría de Vigo e o tren da área de Ferrol, que son competencia do goberno galego.
Lembrou que a Xunta, no canto de preocuparse pola situación da cidadanía, “chegou a criticar” a gratuidade dos billetes de ferrocarril porque “supostamente ía afundir ás empresas de autobuses”. Acusou ao goberno galego da situación “sangrante” do transporte público por estrada en Galicia, cun rosario de incumprimentos “ao longo e ancho de toda Galicia”, que afectan mesmo ao transporte escolar, asumido agora pola Consellería de Mobilidade.
Neste sentido, acusou ao goberno galego de “abdicar da responsabilidade do control e seguimento do cumprimento dos contratos” de transporte, e “no suposto de que existan irregularidades procedan a sancionar ás empresas que incumpran”.