Pablo Arangüena lamenta que a Xunta siga a “incumprir e trampear” a lexislación que ela mesma promulga para evitar protexer efectivamente os nosos ecosistemas fluviais, en “constante deterioro”
O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, lamentou hoxe que o Partido Popular votase no pleno do Parlamento en contra dunha moción do PSdeG para esixirlle á Xunta que aplique “coa máxima dilixencia e en toda a súa amplitude” as competencias que lle outurga a normativa autonómica para defender os ecosistemas fluviais de Galicia.
Na moción socialista, tamén se lle reclamaba ao goberno galego que -en colaboración coas universidades e coas entidades comprometidas coa preservación do medio fluvial- elaborase un inventario do estado ecolóxico dos ríos e encoros da nosa comunidade que se actualice como mínimo cada ano e que sexa publicamente accesible.
En definitiva, Pablo Arangüena solicitaba que a Xunta “protexa efectivamente os ríos de Galicia aplicando en toda a súa extensión a lexislación vixente, que para iso está”. “Cumprimento da lexislación, control dese cumprimento e coñecemento da situación para poder cumprir e controlar”, zanxou o deputado socialista.
Porén, o Partido Popular votou en contra desta iniciativa, o que para Pablo Arangüena supón “un recoñecemento explícito de que vostedes non queren cumprir nin as propias leis que promulgan”. O vicevoceiro do Grupo Socialista alerta de que se trata dun paso máis nun escenario no que “vostedes incumpren, trampean e excepcionan a lexislación cada día, e cando non poden facelo, cámbiana ou desvirtúana”.
Como evidencia máis clara desta situación, Pablo Arangüena lembrou que hai tan só un mes o PP rexeitou a creación dunha comisión de investigación sobre o baleirado dos encoros deste verán. “Unha tomadura de pelo máis a Galicia”, apuntou Arangüena, máis grave aínda tendo en conta que se demostrou que Feijoo mentiu cando asegurou que a Xunta non fóra informada polas eléctricas dese baleirado.
Ademais, “pasaron 135 días e a Xunta non fixo nada agás abrir 4 expedientes ridículos de 25.000 euros cada un, dous deles para unha empresa como Iberdrola, que gaña nun ano 3.610 millóns e á que lle dá a risa coa súa sanción”, recordou.
Por outra banda, Pablo Arangüena lembrou o episodio dos puríns deste verán no río Tambre ou a contaminación do río Deza, con 5 episodios nos últimos meses “que reproducen os que veñen tendo lugar desde hai décadas”. A maiores, recordou que o presidente da Xunta, nunha recente sesión de control do Parlamento, “tivo a desfachatez e o descaro de dicir literalmente que a ría de Vigo ou a de Arousa están saneadas” cando a de Vigo ten 209 puntos de vertido, dos cales 23 son puntos negros, e a de Arousa ten 444 puntos de vertido, dos cales 56 son puntos negros, segundos os datos da propia Xunta.
“Ese é o nivel das trolas que nos conta o señor Feijoo neste Parlamento”, incidiu, antes de lembrar que “a mentira, en democracia, debería dar lugar a responsabilidades”. Con todo, Arangüena enfatizou que ao presidente da Xunta “dálle igual todo desde que negou a súa pasada amizade cun coñecido narcotraficante e lle saíu ben unha xogada que en sociedades con máis tradición democrática terían dado lugar á fin da súa carreira política”.
A XUNTA FAI “PURA PROPAGANDA VERDE”
O deputado do PSdeG reiterou que “hai tres leis autonómicas que lles obrigan a actuar se hai indicios de dano medioambiental, tres leis galegas medioambientais que non foron promulgadas e aprobadas por perigosos ecoloxistas nin por axentes bolivarianos senón por vostedes mesmos”.
Con todo, Pablo Arangüena subliñou que a única resposta da Xunta á mala situación dos ríos e rías galegas é a “pura propaganda verde”, cuxo último descubrimento “é o rollo este do fermosismo”. “O problema”, advertiu Arangüena, “é que a expresión do feismo é unha característica definitoria do deterioro da nosa paisaxe, o noso urbanismo e o noso medio contra o cal vostedes permiten, amparan e fomentan todo tipo de agresións”.
Esa situación, concluíu Arangüena, “non se combate con neolingua ao estilo George Orwell nin cunha ensalada de datos e cifras que únicamente serven para falsificar a realidade de que os ríos están desprotexidos e en constante deterioro”.