Lara Méndez esíxelle ao goberno galego que inclúa a mellora dos viales nas ampliacións previstas de chan industrial e cualifica de “intolerable” o “desleixo” da Xunta co polígono, que só avanzou 3 fases en 21 anos
A viceportavoz do Grupo Socialista, Lara Méndez, criticou hoxe o voto en contra do PP á proposta socialista para esixirlle á Xunta que garanta viales “cómodos, seguros e transitables” no Polígono das Gándaras de Lugo. Méndez presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Industria do Parlamento para reclamar a mellora nas obras de ampliación que está a executar o goberno galego dende hai 21 anos.
A responsable socialista considera “intolerable” o “desleixo” do executivo con esta obra, que só avanzou 3 fases en máis de dúas décadas, e ademais en canto as actuacións son recepcionadas obrigan ao concello a investir para paliar a falla de planificación do goberno galego, que afronta as actuacións como intervencións independentes. Dixo que “a realidade é que os viales quedan sen continuidade ou mal enlazados, co conseguinte perigo para a circulación e a seguridade viaria”.
Méndez reclamoulle ao goberno galego que faga unha actuación en condicións para que percorrer o polígono “non sexa unha odisea para un camión de gran tonelaxe”. Criticou que o Concello vese obrigado a investir nada máis recepcionar a obra logo de cada fase sucesiva da ampliación do Polígono “pola falla de xestión, diálogo e planificación” por parte do goberno galego, que ademais tarda “décadas” en finalizar a obra.
Retrucoulle ademais á portavoz do PP, que citou o Auditorio municipal, explicando que ese precisamente constitúe o “exemplo perfecto” do que está a pasar nas Gándaras. Lembrou que o Concello tivo que investir máis de 400.000 euros no auditorio que construíu a Xunta porque o fixo sen mantemento, sen instalación de gas, sen medidas de prevención de incendios e, ademais, con goteiras e filtracións.
A parlamentaria luguesa lamentou que o goberno galego arrastre os pés na execución desta obra, iniciada no ano 2008 polo goberno presidido polo presidente socialista Pérez Touriño e que ten prevista unha superficie total a urbanizar de 2,1 millóns de metros cadrados, que o converterá no cuarto máis grande de Galicia.