. A deputada pontevedresa, Patricia Vilán, presentou esta mañá en Comisión Parlamentaria unha Proposición non de Lei socialista para solucionar a situación de “abandono e desleixo” ao que está sometido o Centro de Reforma de Menores “Avelino Montero” de Pontevedra. A iniciativa, que foi vetada polo PP, solicitaba un “saneamento integral” do mesmo así como á dotación ao centro de polo menos unha persoa especializada en Enfermaría que poida atender de forma urxente aos rapaces e rapazas do centro.
A parlamentaria socialista denunciou así as malas condicións nas que se atopa un centro na que tense notificado que “chove” dentro dos despachos dos educadores e nos corredores, problemas graves de humidades ou os olores fecais nos pavillóns. A situación chegou ao punto de notificarse un brote de sarna que chegou a afectar a polo menos 2 rapaces e 1 traballador.
A deputada socialista falou de que as obras de acondicionamento do centro son pouco efectivas, pois non solucionan os problemas. Comentou por exemplo que para solucionar o problema de humidades fixéronse buratos nas paredes para que puidera correr así o aire e desconxestionar a habitación, aínda que isto provocou tamén que entrase o frío do exterior, situación agravada porque a caldeira está avariada.
A iniciativa solicitaba persoal de enfermaría pois os educadores non poden darlle aos rapaces “nin un nolotil”, tendo que trasladarse a un centro de saúde en caso de urxencia, o cal supón un tempo importante. Moitos dos rapaces que chegan ao centro son especialmente sensibles a sufrir crises que poñen en perigo a súa saúde e física e para a que precisan de ser atendidos de urxencia.
A responsable socialista rematou recordando que este tipo de centros teñen o obxectivo fundamental de reeducar a estes rapaces e rapazas, e que merecen unha infraestrutura que non poña en perigo o seu benestar físico.