Noa Díaz censura o “desmantelamento” da rede de escolas do rural realizada pola Xunta que “está abocándoas á morte”
O Partido Popular vetou a iniciativa socialista para recuperar as dúas aulas na Escola de Educación Infantil de Sabaxáns, en Brión. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Educación do Parlamento tras votar en contra dunha proposición non de lei promovida polo PSdeG neste senso.
A deputada socialista Noa Díaz denunciou a situación que está a vivir a escola cando, a mediados do mes de xullo, o Servizo de Inspección Educativa comunicou que a Xunta pecharía unha das dúas aulas existentes para reagrupar aos nenos e nenas de 3 a 6 anos nunha única aula con 18 alumnos e alumnas, dous deles con necesidades educativas especiais, e baixo o argumento de que o alumnado non chega aos 20 necesarios.
“Se imos á parte máis legalista non hai nada que obxectar”, sinalou Díaz, pero “pensamos que teñen que existir outras variables para tratar as distintas casuísticas que, ao longo do noso territorio, presentan certas complexidades e que fan que sexa necesario cambiar de lentes e mirar con certa flexibilidade a norma para manter o modelo pedagóxico axeitado e de calidade”, xa que “a educación de calidade” é un “dereito”, subliñou.
Todo isto, incidiu, cando continuamos nunha pandemia, o que implica que “o profesorado vai ter que levar adiante un curso practicamente igual que o anterior” cun alumnado que terá que interactuar en grupos estables de convivencia, con máscaras e distancia de seguridade.
Neste senso, a responsable socialista denunciou, ademais, que “a clase onde se pretende manter a eses 18 nenos e nenas está preparada para atender debidamente a 10 por cuestións de espazo” polo que, neste contexto, “será realmente complicado un desenvolvemento axeitado do curso”.
Doutra banda, Díaz lembrou que o concello de Brión “está en expansión demográfica” co que “presumiblemente” o vindeiro curso 20022-2023 esta escola poida chegar aos 20 estudantes, polo que habería que proceder a un desdobramento para volver á situación na que xa se estaba no curso pasado, o que supón “un sacrificio innecesario no modelo pedagóxico que pagará sobre todo o alumnado do último curso” que se atopa en proceso de preparación para Primaria.
Ao fío disto, a deputada socialista Noa Díaz censurou o “desmantelamento” da rede de escolas do rural realizada pola Xunta que “está abocándoas á morte”. Así, lamentou que o goberno galego non considere “importante” ofrecer unha educación de calidade aos nenos e nenas cando recorta baixo o “argumento” das ratios “cando en realidade é que o que están a facer é buscar un superávit no presente exercicio a costa da educación pública”.