Noa Díaz censura a negativa do PP, na semana que se conmemora o 25N, a tomar medidas contra a violencia machista “centradas na prevención e na educación”
O PP vetou a iniciativa socialista para pór en marcha un “plan urxente” contra a violencia machista ante o incremento do número de casos en Galicia. Ocorreu, hoxe, na semana na que se conmemora o 25N, no Pleno do Parlamento, despois de que o PP votase en contra dunha proposición non de lei do Grupo Socialista.
Neste sentido, a voceira de Igualdade do PSdeG, Noa Díaz, censurou a negativa do Partido Popular a tomar medidas contra a violencia de xénero “centradas na prevención e na educación” cando instaba ao goberno galego a avaliar “pormenorizadamente” a situación para logo elaborar un plan de actuación que debería estar en marcha durante o primeiro trimestre de 2022 diferenciando as diferentes casuísticas que se dan no noso país, de maneira que se teñan en conta os ámbitos rural e urbano, as idades das persoas ás que se dirixen as accións… e que por fin poña no centro os homes.
A proposta socialista rexeitada polo PP incluía a realización de campañas de información e sensibilización contra a violencia machista con recursos para a súa identificación e servizos dispoñibles para as vítimas. “Temos que garantir cubrir todo o noso territorio de recursos dispoñibles para mulleres vítimas ou que precisen asesoramento do tipo que sexa”, sinalou a socialista. Para iso, o texto incidía na necesidade de avaliar a “obligatoriedade” da formación en prevención da violencia machista no acceso a determinados corpos públicos en ámbitos como sanidade, xustiza ou educación.
O PP VETA UN MARCO NORMATIVO CARA Á ABOLICIÓN DA PROSTITUCIÓN
Coa iniciativa, a dirixente socialista buscaba tamén o acordo para impulsar dende o goberno galego un protocolo de actuación, no marco das competencias autonómicas, para orientar as políticas públicas en materia de servizos sociais, sanidade, seguridade ou igualdade cara á abolición da prostitución.
Neste sentido, o PP rexeitou tamén buscar un “maior consenso político e social” para renovar o Pacto de Estado contra a violencia de Xénero cando este se demostrou como “unha valiosísima ferramenta de soporte e coordinación” nesta materia. “Contra o machismo non serven as boas vontades; contra o machismo, contundencia e valentía, que é o que pedimos”, sentenciou Díaz.