Leticia Gallego critica “abandono”, “desidia” e “nula xestión” da Xunta con respecto ás infraestruturas de titularidade autonómica en Redondela
O PP vén de vetar a execución das obras de mellora da mobilidade e seguridade en dúas estradas de Redondela, a PO-363, avenida Mendiño e o tramo Redondela-Cesantes; e a PO-250, estrada Pazos de Borbén no seu tramo ata Redondela. Fíxoo, hoxe, logo de votar en contra dunha proposición non de lei socialista para urxir a mellora destas dúas calzadas.
A deputada socialista por Pontevedra, Leticia Gallego, criticou a “desidia”, “nula xestión” e “abandono” da Xunta de Galicia con respecto a estas infraestruturas de titularidade autonómica. “É intolerable que a veciñanza desta vila siga a agardar polo arranxo destas dúas estradas” cando, no caso da avenida Mendiño “é un proxecto que leva paralizado case 3 anos”.
“Catro meses despois de que o Concello de Redondela remitirse a retención de crédito solicitada pola Xunta a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), o goberno local aínda non ten novidades sobre a sinatura do convenio de reforma desta importante estrada da vila de acceso obrigatorio para a zona escolar, a piscina, o pavillón A Marisma e o centro de saúde”, sinalou a socialista.
En canto á PO-250, Gallego criticou que, malia o compromiso inicial da Xunta para executar melloras nesta estrada, “dous meses despois da súa visita para o suposto inicio das obras, a día de hoxe, o proxecto segue sen rematar, a pesar da súa gran perigosidade”, o que incrementa “a inseguridade viaria da estrada”.
Finalmente, Gallego pediu “equidade” para todos os concellos de Galicia, “independentemente da cor política do seu alcalde ou alcaldesa”, xa que a Xunta “ten que traballar para todos os galegos e galegas e non só para a xente dalgúns concellos”. “Galicia somos todos e todas”, aseverou.