A parlamentaria do Grupo Socialista, Noela Blanco Rodríguez, criticou o veto do PP á proposición non de lei que presentou hoxe en Comisión parlamentaria para a construción dun novo centro de saúde no concello de A Rúa. A responsable socialista alertou da carencia “dos espazos axeitados para a atención sanitaria que se debe prestar”.
A deputada instaba á Xunta a por en marcha “os mecanismos precisos” para que o Concello de A Rúa poña a disposición os terreos necesarios para a construción do novo centro de saúde. Tamén lle reclamaba ao goberno galego a elaboración dun calendario “para o inicio, execución e remate das obras” e a elaboración das “partidas orzamentarias correspondentes” para levar a cabo as obras necesarias.
Blanco acusou á Xunta de limitarse a poñer “parches” para facer fronte á situación pero segue sen arranxar o problema de fondo. Explicou que o centro actual carece de salas en condicións para prestar atención sanitaria urxente, non conta con salas adecuadas para programas como a cirurxía menor, atención á muller, e nin sequera conta cun pequeno almacén para por o material que a día de hoxe continúa na sala de caldeiras, a pesares do “risco que isto supón”.
Blanco defendeu a necesidade de por en marcha un “Plan xeral de reordenación, modernización, e mellora da rede de centros de saúde de Atención Primaria” para asegurar un correcto “servizo asistencial básico”.
Lembrou que o goberno municipal de A Rúa ofrecera o seu infrautilizado centro de día para facer o novo centro de saúde recibindo unha resposta negativa por parte da Consellería de Sanidade alegando “informes técnicos negativos”. No ano 2018 o mesmo concello propuxo unha situación ante a cal non obtivo “ningunha resposta por parte do goberno autonómico”.
Blanco lembrou que no Concello de A Rúa, onde hai unhas 4.000 cartillas sanitarias, tamén se atende “a pediatría dos concellos de Larouco, Petín, Vilamartín, O Bolo e Viana, e as urxencias os sábados pola mañá de adultos e nenos nenas destes 4 concellos”.
Listaxe de agravios
A deputada denunciou que “a listaxe de agravios do goberno de Feijóo coa sanidade pública ourensá é interminable”. Nesta liña, destacou a situación da comarca de Verín e de Valdeorras onde se están a concentrar os “duros golpes” da política sanitaria de Feijóo.
O goberno da Xunta en mans de Feijóo leva anos “mudando os compromisos” en relación aos concellos onde se ían a construír novos centros de saúde. Produciuse un “baile de nomes intolerable” sen chegar a saber onde se ían construír exactamente os novos centros de saúde. O caso de A Rúa é un claro exemplo deste “desleixo dos gobernos do PP”.